Documental !

Dirixido por Plácido Romero e producido por Arraianos Multimedia, este traballo reflexiona sobre o estado de abandono do medio rural a través da historia do artesán Toño do Val.

Este documental de Plácido Romero é o froito de décadas de investigación e supón un paso moi importante nunha das liñas de traballo de Arraianos Multimedia, a produtora desta longametraxe que propón unha reflexión contemporánea sobre o medio rural a través da historia dun artesán que vive nunha das zonas máis subdesenvolvidas de Galicia, cun estilo de vida alternativo nunha pequena aldea do Leboreiro. 

Coa estrea deste documental, candidato aos Premios Mestre Mateo, Arraianos  afonda  na liña de traballo principiada hai anos coa celebración do Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo, a produción de documentais como “Traballo Animal” ou a realización de proxectos culturais vencellados co mundo rural. O documental “Cesteando” de Plácido Romero, que se estrea o venres 15 de xaneiro, ás 20:30 no Teatro Principal de Ourense, marca un novo fito nesta liña de traballo de repensar o futuro do rural dende unha perspectiva contemporánea.

O abandono do rural adoita recibir unha atención secundaria que nos leva a ignorar os problemas de fondo coma a desigualdade, o desequilibrio, a inxustiza, a desaparición de identidades culturais ou o deterioro medioambiental. Asistimos a unha completa desestruturación destes espazos e á perda de toda a súa riqueza. Ante esta situación cómpre facer unha reflexión sobre o medio rural e os seus valores desde unha perspectiva actual.