Ethel Vázquez

Esta xuntanza de traballo, o venres 22, estará presidida pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez.

 

A Xunta convoca para o vindeiro venres aos oito concellos da área de Ourense para avanzar na posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano.

Nesta xuntanza de traballo, que estará presidida pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, exporanse os traballos de campo realizados ata a data e trataranse os próximos pasos administrativos e tecnolóxicos a seguir para lograr que o transporte metropolitano en Ourense sexa unha realidade o antes posible.

Cómpre lembrar que os municipios que integran a Área do Transporte Metropolitano de Ourense son Coles, San Cibrao das Viñas, Punxín, Barbadás, O Pereiro de Aguiar, Toén e Amoeiro.

O Goberno galego está a traballar na liña de axilizar os trámites para dotar a cidade de Ourense e toda a súa área dun Plan de Transporte Metropolitano para que os cidadáns poidan desfrutar, canto antes, das vantaxes e dos descontos no transporte público dos que xa se benefician os habitantes das comarcas da Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo e Vigo.

Esta aposta polo transporte público mellorará a mobilidade dos veciños destes oito concellos, favorecendo un maior intercambio de viaxeiros, fundamentalmente coa cidade cabeceira, Ourense. Ademais, suporá o abaratamento do prezo do billete entre un 20 e un 50% para aquelas persoas que utilizan con frecuencia o transporte público; e reportaralle beneficios significativos aos usuarios, con aforros medios duns 600 euros ao ano.

O citado plan, ademais de fomentar un transporte público eficiente, que permite liberar espazo no centro da cidade, reduce a contaminación e contribúe a desconxestión e a unha maior fluidez nos tráficos.