Ourense en Común recibe con agrado a convocatoria da xunta de voceiros para facer permanente e accesibles as declaracións de bens de todos os membros da corporación. 

 

Os grupos da oposición no Concello de Ourense veñen de ser convocados a unha xunta de portavoces para o próximo martes 26 na que se debaterán modificación de prazos de publicación e modelos de publicación de bens dos membros da corporación. Ourense en Común afirma alegrarse “de que por fin o resto de grupos, que ata o de agora agochaban esta información, comprendan a necesidade de avanzar de cara ao cumprimento efectivo da Lei de Transparencia”. Salientan que na web desta formación xa se podía consultar toda a información sobre o patrimonio dos seus concelleiros e persoal de apoio.

Na mesma xunta de voceiros analizaranse os Orzamentos Municipais 2016. “Levamos un mes instando ao equipo de goberno a convocar unha mesa de traballo para avanzar nun borrador consensuado en materia de investimentos e só recibimos negativas. Así é que alegrámonos que este tema entre por fin no debate, pois a súa resolución pode beneficiar e moito a mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños de Ourense. Agora haberá que ver o interese real do Partido Popular en chegar a acordos e as súas prioridades de gasto. Ourense en Común teno claro: o social no centro da escala de valores”.  

Na xunta de voceiros o grupo de goberno ten previsto ademais presentar o informe redactado pola Policía Local e as súas propostas para frear a vaga de atropelos do último mes. Ourense en Común, único grupo municipal que concorría as eleccións de maio de 2015 cunha batería de medidas en materia de mobilidade, ten previsto convocar aos medios de comunicación a próxima semana para presentar as propostas que elevarán á Mesa de Mobilidade: “Nós estudamos no seu momento o Plan de Mobilidade do Concello de Ourense, os informes de Policía e todas as propostas de colectivos como Stop Accidentes. A nosa aposta é estratéxica e de transformación, non pensamos en como parar os atropelos agora, pensamos en como debe ser a cidade en vinte anos”.

O derradeiro punto da orde do día da Xunta de Voceiros para para o próximo martes 26 será a incoación do expediente de honra a Pedro Zerolo solicitada polo PSOE. “Dende Ourense en Común instamos xa en dúas ocasións, e volveremos a facelo nesta xunta, a modificar o Regulamento de Honra e Distincións que data de 1990. Consideramos que é necesario actualizalo e facelo máis accesible para que a cidadanía poda instar a incoar expedientes pola súa conta. Así é que o Artigo 20 deste regulamento contempla a promoción por máis de douscentos veciños de Ourense, polo que só sería necesario habilitar ferramentas de participación para canalizar as solicitudes”.