No desfile do martes 9 de febreiro repartiranse máis de 6.000 euros en premios.
Barbadás xa se prepara para festexar o Entroido con actividades para pequenos e maiores.
A Casa da Xuventude será un dos centro dos festexos. Así, o 28 de xaneiro a partir das 20 horas acolle a conmemoración do Xoves de compadres. O sábado 30, a partir das 11 horas, haberá un obradoiro de caretas tradicionais para os máis pequenos e ás 19 horas será o momento da elaboración do meco. O 4 de febreiro festexará o Xoves de Comadres dende as 20 horas, coa tradicional ruada unha hora despois.
Xa o venres 5 colgarase o meco na avenida de Celanova e terán lugar dous desfiles infantís, un ás 12 dos nenos do Colexio Ruxidoiro e outro ás 13 horas dos estudantes do Filomena Dato. Ás 20 horas será o momento do pregón do Entroido a cargo “do fillo da Celsa” na Praza Vella da Valenzá.
O sábado 6, a Casa da Xuventude acollerá a partir das 17 horas baile para os máis pequenos. Ás 20 horas será o turno da ruada polos pobos do Concello.
O luns 8 a ruada terá lugar na Valenzá e tamén será ás 20 horas.
E o Martes de Entroido (9 de febreiro) chegará a celebración central do carnaval de Barbadás co seu tradicional desfile de disfraces a partir das 17 horas pola Valenzá.
Inscrición no desfile
Os interesados en participar no desfile do martes poden facelo, de xeito individual ou en grupo, mediante unha inscrición previa na Casa da Cultura de Barbadás, na web www.barbadas.gal ou no 988 24 68 85. O prazo remata o 5 de febreiro.
Repartiranse premios ás cinco mellores creacións de cada categoría. Así, as charangas (con instrumentos musicais) e contracharangas (con animación musical pero sen instrumentos) máis festeiras recibirán entre 350 e 150 euros; as mellores carrozas entre 500 e 250 euros; as comparsas máis chamativas entre 400 e 150 euros; as mellores parellas entre 200 e 50 euros; e os disfraces individuais entre 150 e 50 euros.
Tamén terán o seu recoñecemento o mellores grupos infantís, que recibirán un único premio por cada categoría consistente nun bono regalo, por valor de 200 euros, para mercar en librerías e xogueterías do Concello.
Ademais, as asociacións que participen na Foliada do Martes compostas por 10 ou máis integrantes e se atopen debidamente inscritas, a data 31/12/2015, no Rexistro de Asociacións do Concello de Barbadás, recibirán unha axuda de 100 euros.