Os cativos e mozos da cidade poderán festexar o carnaval cun amplo abano de actividades organizadas pola Asociación Xuvenil.
O programa de actividades inclúe as “V Mañás de Entroido”, que terán lugar do 8 ao 10 de febreiro de 10 a 13:30 horas, dirixidas a nenos de entre 3 e 12 anos, co fin de fomentar esta festa entre os máis pequenos e axudar a que os seus pais poidan conciliar a vida laboral e familiar.
“A tope na ponte do Entroido” será outra das opcións que propoñen con actividades deportivas, lúdicas e culturais (como torneos de fútbol-sala, 3×3 de baloncesto, pimpón, futbolín, obradoiros, contacontos, scalextric, tarde oleira, xogos de mesa, ludoteca, animación á lectura, tebeoteca, cíber, puzzle xigante, xogo do terremoto e concurso de castelos de naipes…) abertas á participación de todos os rapaces da cidade, e que terán lugar de 17 a 20 horas entre o 4 e o 9 de febreiro.
O Entroido Infantil e o Xuvenil tamén son das citas máis agardadas nestas datas. O primeiro está dirixido a nenos de 6 a 14 anos e celebrarase o sábado 6 de febreiro a partir das 11 da mañá na Alameda. O segundo é para os mozos ourensáns e animadores da asociación, e terá lugar o venres 5 a partir das 22:30 horas na Sala Aberta de Amencer. En ningún dos dous faltarán os disfraces, moita música e diversión.
Ademais, Amencer está a preparar unha comparsa coa que acudir aos desfiles de Ourense (o domingo 7) e A Valenzá (o martes 9), á que pode sumarse quen queira
Fútbol sala e material didáctico
Así mesmo, o luns 8 de febreiro terán lugar no polideportivo de Salesianos torneos de promoción deportiva (de 11 a 17 horas), dirixidos a rapaces e rapazas deportistas que teñan equipo de fútbol sala.
Ese memso día, a partir das 11:30 horas na Sala Aberta de Amencer, a comisión Xalgarete (composta por mozos que tratan de promocionar a cultura galega), presentará materiais para traballar neste tempo libre en galego.
Os interesados en participar neste amplo abano de actividades poden informarse na sede da asociación (Praza Don Bosco 1), no 988 218 123; ou en amencer@amencer.org e www.amencer.org.
Exposición
Do 1 ao 26 de febreiro a Sala dos 15 anos da asociación acolle a exposición “Museo do conto: disfraces de contos”. A mostra estará aberta ao público de luns a sábado de 10 a 13 horas e de 18 a 20 horas.