O prazo permanecerá aberto do 1 ao 29 de febreiro para grupos cun mínimo de 3 integrantes, entre 15 e 35 anos empadroados en Ourense.
O Espazo Lusquiños da Mocidade abre unha nova convocatoria para gozar dos locais de ensaio para bandas noveis e grupos emerxentes. O prazo permanecerá aberto do 1 ao 29 de febreiro e está dirixida a grupos cun mínimo de 3 integrantes, que teñan entre 15 e 35 anos e estean empadroados no Concello de Ourense. Trátase dun servizo público de titularidade municipal destinado a facilitar un espazo para o ensaio musical totalmente equipado -só hai que levar o instrumento- e de xeito gratuíto en condicións de igualdade para a mocidade de Ourense.
Para cursar a solicitude haberá que entregar no Rexistro Municipal o formulario dispoñible na web http://espazo-lusquinhos.xuventudeourense.org/locais-de-ensaio/ ou na sección de impresos de www.ourense.gal, tamén dispoñible fisicamente no propio Espazo Lusquiños. Co impreso, é necesario presentar unha fotodopia do DNI dos integrantes da banda, así coma un breve currículo e unha foto do conxunto. No caso de haber menores de idade, a documentación deberá ir acompañada dunha autorización familiar. Esta nova quenda servirá para os vindeiros cinco meses.
Na primeira convocatoria, utilizaron este servizo un total de 14 bandas formadas por 56 persoas. O número de usuarios totais dende que comezou a actividade no Espazo Lusquiños ata a data é de 3.360 mozos.
Actividades musicais no Lusquiños
Os locais de ensaio non son a única actividade relacionada coa música no espazo da avenida de Marín. Así, para este primeiro trimestre do ano, haberá unha masterclass de Daniel Minimalia e realizarase a gravación dun CD recompilatorio -con 6 grupos dos que ensaian no Lusquiños, achegando cada un deles dous temas propios-. A Concellería de Xuventude realizará ademais unha formación para a pre-produción dos temas a través dun curso que os orientará e guiará para acadar o seu estilo e son propio. A capa do disco sairá dun concurso, “Ponlle Cara”, para promover a participación de deseñadores gráficos da cidade.
Nos primeiros meses do ano elaborarase, igualmente, unha ‘Guía de Xóvenes Artistas’, web de referencia para que todas aquelas persoas que teñan unha inquedanza artística -música, arte urbana, literatura, pintura, audiovisuais, cinema, danza, escultura, banda deseñada…- poidan, a través deste recurso, facer visible o seu traballo. Tamén se realizará un curso de poddast, ou radio á carta, no que os mozos poderán aprender a crear contidos específicos para internet aprendendo o proceso de creación, gravación e produción.