Tratará sobre as próteses articulares e o seu funcionamento.

 

O Centro de Maiores Afundación de Ourense acolle este mércores unha charla sobre próteses articulares, enmarcada dentro do proxecto Aula da saúde que xurdiu froito da colaboración entre Afundación, o Colexio Médico e o Liceo de Ourense. «As próteses articulares: por que se colocan, como funcionan?», impartida polo Dr. José Quiroga, ex-xefe do Servizo de Traumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, ten como obxectivo a formación da cidadanía en aspectos básicos relacionados coa saúde para fomentar o seu coñecemento, o autocoidado e o control das súas propias enfermidades. A charla terá lugar ás 11.15 h., no Centro de Maiores Afundación (Rúa do Paseo, 6).

Afundación, que conta coa promoción do envellecemento activo dentro dunha as súas tres liñas estratéxicas, desenvolve un amplo abano de actuacións destinadas á promoción de hábitos saudables, o goce da cultura e a expresión artística, a formación e o coñecemento e o lecer activo e relacional. No período 2015-2019 a prioridade da institución é  buscar oportunidades para aproveitar a experiencia dos maiores en proxectos que beneficien a outros grupos da sociedade a través de programas interxeracionais, mediante o voluntariado de carácter social ou profesional, como ocorre neste proxecto.