Foi un dos contidos tratados nunha xunta de voceiros na que tamén se analizaron as declaración de bens dos concelleiros, o transporte metropolitano ou a problemática dos atropelos.
Densa xunta de portavoces a que se celebrou este martes no Concello de Ourense, pois o alcalde quixo poñer ao día aos representantes dos tres partidos da oposición de cuestións como os orzamentos, o transporte metropolitano, a vaga de atropelos, ou a publicación das declaración de bens dos edís.
Canto aos orzamentos, o voceiro do grupo de goberno, Pepe Araújo, afirma que traballan co horizonte de aprobalos no primeiro trimestre de 2016, todo a expensas de como vaia a tramitación da nova Relación de Postos de Traballo (RPT). Unha RPT que se está retrasando, acusa Gonzalo P. Jácome de Democracia Ourensana, porque os populares “tienen que hacer un encaje de bolillos para los enchufados”.
Tamén ve unha demora “excesiva” o portavoz socialista, José Ángel Vázquez Barquero, que non considera que fora “necesario” embarcarse agora nesta modificación da RPT. Amáis, o socialista advertiulle ao PP que se quere negociar as contas coa oposición “antes de aprobar en Xunta de Goberno presenten o borrador aos grupos da oposición”. De igual modo, Martiño X. Vázquez, de Ourense en Común, considera que se pode ir avanzando e empezar a “construír eses orzamentos dunha forma consensuada”. Os de OUeC marcan a súa liña vermella en fixar “a prioridade do gasto no social”.
Os populares aceptaron que antes da aprobación do proxecto de orzamentos se traslade á oposición para que os partidos fagan as súas achegas.
Transporte metropolitano e Mesa de Mobilidade
Na xunta de voceiros tamén se puxo enriba da mesa o convenio que a Xunta presentou ao Concello de Ourense para implantar o transporte metropolitano. Democracia Ourensana cre que o PP prepara un “golpe de efecto” coa aprobación do transporte metropolitano en vésperas das eleccións autonómicas, mentres que o PSOE pídelle ao alcalde que non faga deixación das súas competencias e defenda os intereses da cidade. “Non se pode pretender con diñeiro dos ourensáns financiar un transporte metropolitano”, afirmou Barquero.
Ourense en Común considera que este asunto non se pode desvincular do problema da mobilidade na cidade e da vaga de atropelos. “Pedímoslle ao equipo de goberno valentía para afrontar un problema serio de tráfico”, apuntaba Martiño X. Vázquez, quen adiantou que o venres presentarán a súa propia proposta na xuntanza da Mesa de Mobilidade. Mentres, Barquero, cre que ao goberno lle falta “axilidade” á hora de abordar a problemática dos atropelos. Asemade, tachou de “absoluto desprezo” o feito de que o alcalde convocara a outras administracións para falar desta problemática pero non aos voceiros da oposición.
Declaración de bens dos concelleiros
Os grupos acordaron empezar a traballar na modificación do regulamento municipal que aplica a Lei de transparencia no que se refire á publicación na páxina web do Concello das declaración de bens dos edís. Mentres tanto, calquera concelleiro a título individual poderá presentar un escrito ao secretario para que esa publicación se estenda no tempo máis alá dos 15 días que agora son obrigatorios. A nota discordante púxoa Democracia Ourensana, que considera este cambio unha decisión “para quedar bien, de cara a la galería”.