O voceiro socialista acusa ao alcalde de permitir que o Goberno da Xunta de Galicia siga adiante con este proxecto que suporá “unha hipoteca para os ourensáns”.
Fai pouco máis de 4 anos, a finais do 2011, procedíase á adxudicación do Proxecto da Nova Estación do AVE en Ourense, a futura porta de entrada a Galicia. A adxudicación deste proxecto poñía fin a un longo proceso de xestión política e institucional por parte do anterior goberno socialista que, a través da sinatura do “Protocolo entre o Concello de Ourense e o Ministerio de Fomento, ADIF e Renfe-Operadora para a integración do ferrocarril no municipio de Ourense”, a redacción do “Estudio das transformacións urbanísticas derivadas da implantación dos accesos e da Estación de Alta Velocidade na Cidade de Ourense”, e as aportacións no prego do Concurso de Anteproxectos que rexía o concurso, garantían que “a cidade estaría preparada para a chegada da Alta Velocidade nas mellores condicións posibles”, explican dende o PSOE.
Agora, ante a decisión da Xunta de seguir adiante no proxecto da nova terminal de autobuses coa licitación da redacción, que trae consigo o traslado de ubicación da mesma adosándoa á estación Empalme, o voceiro do GMS califica a proposta coma “un puzzle sen sentido no que as pezas non se inclúen nun proxecto global de integración de vías de entrada á cidade, estación de tren e bus, máis aínda cando se está pendente de coñecer o proxecto definitivo da Estación Intermodal do AVE en Ourense. Este é un anuncio electoralista cun gasto público que nunca se chegará a levar a cabo.”
Segundo os plans do propio Ministerio que pasan polo proxecto básico xa redactado: habendo unha reserva de chan no proxecto global do conxunto intermodal, debe levarse a cabo unha planificación global e non unha serie de actuacións desconectadas entre si sen visión algunha de conxunto.
Barquero reitera unha vez máis que “o Goberno Municipal segue sen convocar a comisión municipal de seguimento sobre a integración do AVE, acordada en pleno, na cal debería tratarse un tema tan transcendental, ademais de informar sobre os plans que o propio Ministerio de Fomento ten para a nova estación, que vai pasar co proxecto gañador do concurso para a construción da nova estación intermodal, e tamén da situación actual do proxecto dentro do marco do novo PXOM”.
O socialista salienta que “os argumentos que dá a Xunta para a conveniencia da nova ubicación carecen de sentido, cifrando en 5 minutos o transbordo entre a estación de tren e a futura estación de autobuses, cando agora mesmo se tardan 10 minutos á actual, e no anterior proxecto o transbordo sería incluso menor ao estar integrado na propia estación e garantindo a intermodalidade real. Por outra banda, a proposta de situar 19 dársenas rodeando ao Centro de Saúde da Ponte o único que pode acadar é unha futura conxestión no tráfico de acceso dende as Rúas Eulogio Gómez Franqueira e Xesús Pousa Rodríguez, e a consolidación da fenda existente entre A Ponte e O Vinteún; ademais de obviar de xeito alarmante o proxecto previsto para o seu desenvolvemento dentro do novo PXOM.”
Finalmente, Barquero critica a posible duplicidade que se produciría cunha estación de bus fronte á estación de tren, a falta de aproveitamento conxunto que desencadearía da superficie da actual estación e ante todo, as molestias que se lle ocasionarían aos cidadáns que en lugar de ter todas as saídas dentro dun mesmo edificio, se verían obrigados a saír o exterior.