Consistente en tarxetas de crédito (400 euros anuais) para pagar produtos de primeira necesidade en todos aqueles supermercados da cidade con sistema de pago TPV. O gasto será controlado polos técnicos do Concello.

 

 

O Concello repartirá, entre 100 familias de Ourense, tarxetas de crédito cargadas con 400 euros para a compra de alimentación grazas á doazón da obra social la Caixa. A escolla dos beneficiarios parte do criterio da Concellería de Asuntos Sociais, que cun ficheiro de máis de 700 familias en risco de exclusión social, decantouse en primeiro lugar polos fogares sen ingresos e carentes de pensións ou prestacións periódicas.

Neste sentido, a prioridade son as familias con ingresos mínimos de subsistencia con fillos menores ao seu cargo: perceptoras de axudas Risga, pensións non contributivas ou subsidios de desemprego. As tarxetas serán nominativas e poderán empregarse na práctica totalidade dos supermercados da cidade, e só se poderá empregar para a compra de alimentación básica. Técnicos da Concellería que dirixe Sofía Godoy recibirán, posteriormente, o resgardo das compras realizadas para controlar que non existe mal uso das mesmas.

Estas tarxetas entregaranse na propia Concellería de Asuntos Sociais, serán nominativas e teñen unha caducidade dun ano. Poderán ser utilizadas en todos os supermercados da cidade con sistema de pago mediante terminalTPV.

Segundo recalcou o director territorial de CaixaBank en Galicia, Marc Benhamou, a colaboración entre esta entidade e o Concello de Ourense seguirá activa, lembrando que durante o Nadal estivo no Parque Barbaña a exposición divulgativa “Érase unha vez… A Fala!” e avanzando que se porán en marcha novos proxectos, como a dotación de pisos para familias en risco de exclusión ou medidas destinadas á infancia.

O alcalde, Jesús Vázquez, agradeceu expresamente ao responsable de CaixaBank en Galicia, Marc Benhamou, pola súa disposición a colaborar Concello de Ourense en material social. Tamén agradeceu o rexedor o traballo realizado polos traballadores da Concellería de Asuntos Sociais para a posta en marcha desta iniciativa que servirá para cubrir parte das necesidades de 100 familias da cidade. De feito, as tarxetas entregaranse de inmediato aos beneficiarios.