O Plan de reestruturación de dependencias municipais afectará a dez inmobles.
Un aforro de 187.000 euros anuais (749.000 euros no mandato) é o que busca o Concello de Ourense co Plan de reestruturación de dependencias municipais que presentou este xoves na Xunta de Goberno local. O plan pretende “optimizar as dependencias e inmobles e conseguir aforros en locais que non son de titularidade municipal”, explicaba o rexedor, Jesús Vázquez.
Serán dez oficinas as que se trasladen ao longo deste ano. En concreto, un almacén do departamento de Tráfico en Vistahermosa que se reubicará no campo da feira, aforrándolle ás arcas municipais 20.200 euros en aluguer e gastos de mantemento. A aula CeMIT deixará o seu local na rúa Progreso e integrarase na Molinera, que, segundo indicou o concelleiro de Servizos Xerais, Jorge Pumar, está previsto se apertura no primeiro trimestre do ano. O traslado permitirá un aforro de 31.700 euros.
O departamento de Recursos Humanos ubicado na rúa Dr. Marañón fará mudanza a final de ano, cando remate o contrato de aluguer, á casa consistorial, o que suporá 28.900 euros.
As oficinas de Sanidade da rúa Concordia irán para o edificio da Cárcere da Coroa (aforro de 20.000 euros), mesma ubicación que a oficina da OMIC, Servizos Sociais e sindicatos que agora estaban nun inmoble da rúa Arcediagos sen ascensor (un aforro total de 47.000 euros).
O Concello tamén pechará definitivamente a oficina de turismo que había nas Burgas (que supoña uns gastos anuais de 6.8000 euros), trasladará a UNIS do Couto dun local de difícil accesibilidade na rúa Francisco de Moure ao CIMM do Couto (21.400 euros de aforro), e o Rexistro da Ponte dun baixo na avenida de Santiago ao edificio da Praza de Abastos da Ponte (9.600 euros de aforro).
A que xa cambiou de ubicación foi a Oficina de Atención ao Cidadán dun baixo do edificio da praza de San Martiño á pranta baixa da casa consistorial. Para o local baleirado (que é de propiedade municipal) aínda non hai destino.
Para facilitar a localización de todas as dependencias municipais, Pumar explicou que se creará un mapa específico na futura páxina web municipal, e se editarán mapas en papel a disposición na Oficina de Atención ao Cidadán.
Detrás desta reestruturación de instalacións muncipais está a pretensión, non só do aforro económico, senón de reubicar todos os servizos na casa consistorial ou no seu contorno máis próximo.