Ángeles Vázquez e Jesús Vázquez mantiveron unha xuntanza en Santiago onde trataron diversos temas relacionados coa actividade deste municipio.
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse en Santiago co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, para tratar diversos temas relacionados con este municipio ourensán, entre eles o reparto do Plan Marco para este concello.
Ángeles Vázquez comentoulle que para este 2016, a cantidade presupostada no Plan Marco para o concello de Ourense ascende a preto de 64.000 euros, co fin de ampliar, mellorar ou manter os camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso, cando menos, a unha parcela integrante dunha explotación agraria. A titular de Medio Rural fixo fincapé en que o obxectivo xenérico a alcanzar con estas achegas é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais a través das infraestruturas e servizos básicos demandados pola poboación da zona.
A conselleira explicoulle ao rexedor municipal que os criterios de reparto para desenvolver este Plan foran consensuados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Con motivo desta xuntanza, a titular de Medio Rural puido coñecer de primeira man as necesidades deste municipio ourensán, en especial as relacionadas co agro. Ángeles Vázquez ofreceu ao alcalde a colaboración do seu departamento para traballar a prol da mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas.