Vázquez Barquero recórdalle ao alcalde que grazas á aprobación unánime dunha moción socialista no pleno de novembro e aos compromisos acadados polo anterior goberno poderá levarse a cabo.
O grupo municipal socialista amosou a súa satisfacción ante o anuncio do acordo entre o Concello de Ourense e ACUAES para a construción dun novo parque público, a habilitación de prazas de aparcamento e o destino dun dos edificios da actual depuradora para futuro local veciñal en Reza. Os socialistas recalcan que este acordo é froito de moitos anos de xestión e de reivindicación veciñal.
Así, salientan que en decembro de 2013 o daquela alcalde, o socialista Agustín Fernández informara aos veciños que coa posta en marcha da nova depuradora os terreos actuais ían converterse nun parque público. Con posterioridade, a asociación veciñal Quince de Agosto de Reza reclamaba que se mantivese algunha das edificacións existentes da actual EDAR para uso por parte dos veciños. Naquela altura o rexedor socialista consultara cos representantes de Acuaes esta posibilidade, amosándose estes de acordo.
Logo deste percorrido, os socialistas resaltan que en setembro pasado, o actual alcalde respostara cun «non pode ser» aos veciños que lle recordaran esta antiga demanda, aducindo que había que cumprir unha sentenza xudicial e que a zona era inundable. Un prantexamento co que non concordaba no seu día Vázquez Barquero, que afirmaba “non se axusta á verdade por canto a sentenza de demolición da actual depuradora non afecta aos equipamentos demandados polos veciños e estos equipamentos atópanse nunha cota a salvo da avenida dos 500 anos; sen esquecer que todo o novo proxecto executase evitando as inundacións por avenida, como así figura na adxudicación do mesmo.”
Por todo o exposto, os socialistas presentaron unha moción no pleno de novembro na que solicitaban ao Goberno municial que se comprometera coa petición veciñal. A moción foi aprobada por unanimidade de todos os grupos da corporación.
Como conclusión, o voceiro socialista afirma que “os veciños de Reza están de noraboa, pero tamén hai que felicitar a todos os que durante anos dende este Concello traballaron a reo para que hoxe se poida levar a cabo o proxecto e tamén agradecer ao alcalde que rectifique grazas á presión veciñal e dos socialistas, xa que nun principio esa non era a súa idea”.