Buscan a progresiva “pacificación” do tráfico apostando polos peóns, o uso da bicicleta e do transporte público antes que polos vehículos particulares.
Un “acordo estratéxico” para conseguir a progresiva “pacificación” do tráfico na cidade é a proposta que Ourense en Común levará á Mesa da Mobilidade que se celebra este venres, convocada trala vaga de atropelos do último mes.
Ourense en Común analizou o informe da Policía Local sobre os atropelos na cidade, e comprobou como se concentran nas mesmas rúas ano tras ano (Marcelo Macías, Progreso, av. De Zamora, A Saínza, Emilia Pardo Bazán… o que eles denominan ronda e accesos). En cambio, os reductores de velocidade “non coinciden coas zonas de maior tránsito e de atropelos”, explicaba Martiño Xosé Vázquez, senón que se ubican en barrios de baixa densidade de tráfico como As Lagoas, Polvorín, Peliquín ou Cruz Alta.
Ademais, botan en falta medidas físicas que reduzan a velocidade na ronda, rúas que están estipuladas a 30 Km/h pola proximidade aos colexios pero onde a lei non se cumpre.
Vázquez amósase “indignado” porque se pretenda equiparar a actitude dos peóns “que cruzamos por calquera lado, que nos saltamos os pasos de cebra, e esas imprudencias parece que son os responsables de que os atropelen”, cando os datos do informe da Policía Local indican que a maioría dos atropelos prodúcense en pasos de peóns e o 75% deles por “causa imputable directamente ao condutor”.
Por iso, a súa proposta parte de delimitar o núcleo urbano de Ourense, situando nas súas entradas carteis indicativos, “a partir de aquí velocidade limitada a 50 km/h, bandas redutoras, prioridade do peón, etc.” e “aparcamentos disuasorios”. Dous xa aparecen recollidos no Plan sectorial da Xunta, no Couto e nas Lagoas, pero eles queren que se creen outros dous máis na avenida de Santiago e ao carón da Residencia.
O seguinte paso sería a “zonificación”: os accesos da cidade a ronda “estarían limitados a 50 km/h pero reais, con pasos elevados, con lombos de seguridade”, e no resto de rúas a aplicación real da zona 30, con “carrís máis estreitos, pasos de cebra elevados…” Para evitar os problemas que as bandas elevadas ocasionan aos vehículos de emerxencia que circulan a unha velocidade superior, propoñen que onde haxa dous carrís nun carril en concreto non se instalen, pero haxa entón rádares e medidas sancionadoras.
A posteriori propoñen “un compromiso orzamentario en sectorizar a cidade e apostar pola súa pacificación”, priorizando a circulación a pé, en bicicleta e transporte público fronte ao transporte motorizado particular.
Este grupo político non ve mal que haxa campañas de sensibilización, pero tamén para adultos, non só para escolares, e dentro dunha aposta estratéxica por unha mobilidade sostible.