Manuel Baltar reuniuse co presidente e directivos da Coral da Ruada para analizar os proxectos de colaboración para 2016.  

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao presidente da Coral de Ruada, Emilio Rodríguez Portabales, e aos membros da xunta directiva desta a agrupación José Manuel Vázquez, Fátima Malingre e Alfonso Rapela, para falar da colaboración que desde a institución provincial se lle presta a esta entidade senlleira da nosa cultura, que ten a súa sede no Teatro Principal de Ourense. O presidente do goberno provincial confirmoulle aos directivos da coral que en 2016 se seguirá mantendo o apoio económico de 10.000 euros anuais, igual que a achega de 2015.

Na reunión analizaron novos proxectos culturais e musicais que está a planificar a Coral de Ruada, entre os que figura o que se denominará “Festival de Ruada da Ourensanía”, que ten como obxectivo que a coral teña unha presenza activa no territorio da provincia de Ourense, sinaladamente en concellos que non están integrados dentro dos habituais circuítos culturais, para que os seus cidadáns poidan ter a oportunidade de gozar coa actuación de tan relevante agrupación coral.

Baltar afirma que esta iniciativa ten tamén a finalidade “de que a Coral de Ruada actúe en municipios que non visitou nos seus case cen anos de existencia para que tamén se siga incrementando a nosa auto-identificación con Ourense”. Na xuntanza, Baltar agradeceulles o labor que fai a Coral de Ruada “de promoción da nosa identidade” e animounos a continuar por ese camiño, destacando o carácter de “embaixadora da nosa cultura”.