Pola súa banda, Jácome presenta este xoves unha solicitude de pleno extraordinario para abordar a reprobación do alcalde.
Este próximo venres 5 terá lugar o pleno ordinario do Concello de Ourense correspondente ao mes de febreiro. Nesta sesión levaranse a debate mocións de PSOE e Ourense en Común.
Os socialistas solicitarán información pública do expediente de venda do Mosteiro de Santa Comba das Naves a un particular por parte do Bispado e para a adopción de medidas por parte de Xunta e Concello en caso de que esta venda non cumpra coa legalidade; así mesmo demandarán a paralización da licitación do proxecto para a nova estación de autobuses adosada á Estación Empalme por parte da Xunta.
Pola súa banda, dende Ourense en Común solicitarán a constitución dunha comisión de investigación da concesionaria Sociedade Limitada Matadero Ourense; e procurarán a implementación de estratexias de inclusión activa no Concello de Ourense.
En canto a este segundo tema, OueC demandará unha serie de medidas, entre as que se atopa a posta en marcha do plan “Ourense Integra”, como garante dun nivel de renda suficiente; crear instrumentos técnicos de diagnóstico, que faciliten a determinación da intensidade de apoio requerida por personas demandantes de servizos sociais; estudar a viabilidade da creación de equipos multidisciplinares de referencia para a atención personalizada e indiviudalizada dos usuarios; ou crear unha rede de coordinación con outros sistemas de protección social.
Reprobación do alcalde
Este xoves 4 de febreiro, Gonzalo P. Jácome ten previsto presentar no rexistro do Concello a solicitude dun pleno extraordinario (asinada por ¼ dos concelleiros municipais) no que abordar a reprobación do alcalde, Jesús Vázquez. O motivo, en teoría, é o incumplimento por parte do popular das mocións acordadas en pleno.
Ante este feito, Ourense en Común acusa a DO de antepor “o beneficio partidista ás necesidades dos veciños”. Segundo OueC, esta decisión responde a unha “estratexia política que só pretende xerar un contexto apropiado para unha moción de censura que permita a Jácome ser alcalde, único interese e fin último destas iniciativas”, reclaman.
“Se dende Democracia Ourensana queren en verdade abrir o debate sobre o carácter vinculante das mocións plenarias que o fagan de forma seria instando a modificar o regulamento e aportando emendas.De ser así dende Ourense en Común estaremos encantados de participar e facer participe á cidadanía da discusión”, avanzan.
“Non compartimos case nada co Partido Popular e así pode analizarse comparando ambos programas electorais, pero a reprobación da acción do alcalde entendemos que só debe chegar cando a súa xestión sexa ineficiente ou ataque directamente os intereses dos veciños de Ourense. E ata o momento a maioría dos problemas estaban xa cando se constituíu a actual corporación”, conclúen.