Participa, ademais, no dispositivo de seguridade que Verín levará a cabo durante estes días de festa.

Ao longo desta semana o Entroido ha ir cobrando protagonismo nos talleres que Cruz Vermella realiza nas distintas asembleas da provincia de Ourense con infancia, persoas maiores e persoas con discapacidade.

En Ourense, os nenos que participan no proxecto de Promoción do éxito escolar e Inclusión Social de Nenos e Nenas en risco de exclusión social,  realizaron talleres de manualidades de máscaras e antefaces.

Este xoves 4 o Salón de Actos de Cruz Vermella en Ourense acollerá a súa festa de Entroido (a partir das 17.15 horas). Unha festa interxeracional na que os programas de Persoas maiores, Mocidade, Infancia e Muller gozarán contando coa actuación solidaria do pallaso ourensán Tanito; posteriormente compartirán unha merenda na que non faltarán o chocolate, as orellas e a bica.

En Ribadavia, Cruz Vermella O Ribeiro está a preparar os seus disfraces nun taller de confección de traxes e adornos para as carrozas coas que desfilarán na comparsa o domingo 7, integrada por persoas con discapacidade, voluntarios e nenos do proxecto de Promoción do éxito escolar.

En Valdeorras, Cruz Vermella realiza un taller de confección de disfraces e máscaras coas persoas maiores de Axuda a Domicilio Complementaria e o taller de Estimulación Cognitiva;  cos nenos/as do proxecto de Promoción do éxito escolar a actividade de maior éxito será sen dúbida o “Taller pinta caras”, no que se transformarán en distintos personaxes grazas á maquillaxe de festa e a purpurina.

No Carballiño, Cruz Vermella participará no operativo de control e seguridade no desfile os días 9 e 14 de febreiro; tamén están a preparar un taller de confección de máscaras no programa de maiores e nenos do proxecto de Promoción do éxito escolar.

En Maceda e Celanova os nenos do proxecto de Promoción do éxito escolar converteranse en reis e raíñas no taller de coroas co que comezarán a prepararse para o gran fin de semana do Entroido.

 

Dispositivos preventivos en Verín

Verín gozará Xoves de Comadres na Praza García Barbón, un evento no cal se espera participen ao redor de 12.000 persoas.  Cruz Vermella forma parte do dispositivo de seguridade posto en marcha polo Concello,  polo que desde as 23.00 horas e até as 06.00 horas, estarán instalados dous postos de socorro ( na rúa Viriato e na Praza García Barbón).

Igualmente Cruz Vermella realizará o preventivo do desfile infantil, o xoves de 12 a 14 horas; a noite do sábado de Entroido na Praza García Barbón de 00.30 a 4.00 horas. O Domingo de Entroido cubrirá o desfile de comparsas de 12.30 a 14 horas e o Martes de Entroido de 17.30 a 18.30 horas.