Interpretarán Haydn, Schubert, Rihm e Mendelssonh ao violín, violonchelo e piano, pero tamén terán tempo de visitar o alumnado do Conservatorio.

Elena Rey, violín, Erica Wise, violonchelo, e Noelia Rodiles, piano, comezaron a tocar xuntas no 2008 como sendo alumnas da Escola Superior de Música Reina Sofía de Madrid. Nestes case oito anos de traxectoria acadaron numerosos e prestixiosos galardóns, tanto a nivel individual como grupal, e este xoves 4, recalan na nosa cidade dentro do ciclo Enclave de Cámara organizado desde a Concellería de Cultura. A cita será ás 20.30 horas no Teatro Principal, estando as entradas dispoñibles unha hora antes do concerto na billeteiras da rúa da Paz. O programa inclúe pezas de Haydn, Schubert, Rihm e Mendelssohn.

Os concertos deste trío teñen sido retransmitidos por emisoras como Radio Nacional de España – Radio Clásica, e a gravación do concerto inaugural da tempada Música i Patrimoni al Pla de l’Estany (Girona), con obras de Haydn, Schubert e Beethoven, foi seleccionada por Catalunya Música para entrar no programa de intercambios da Unión Europea de Radiodifusión.

O Trío Lorca ofrecerá, ademais, un encontro previo cos alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Ourense, a mesma tarde do concerto ás 16:00 horas, onde comentarán as súas recoñecidas traxectorias profesionais particulares e como formación de cámara, así como do repertorio escollido para a cita da noitiña.

Destacadas traxectorias en solitario

A violinista, Elena Rey, foi premiada como alumna máis sobresaínte tanto na Escola Superior de Música de Cataluña como na Reina Sofía de Madrid, contando con formación en cámara do Cuarteto Casals ou Marta Guylás. É tamén integrante de diversas orquestras, a Orquesta Mahler, onde fixo audicións para solista ou as súas habituais colaboracións ca Orquestra Nacional de España, a Sinfónica de Madrid ou o Grupo Barcelona 216.

Erica Wise, violonchelo, recibiu formación en diversos países, dende os seus inicios en Alemaña, o Peabody Institute da Universidade John Hopkins de Baltimore, ou París. Gañadora do Concurso de chelista Nakamichi do Festival de Música de Aspen, ten tocado como solista baixo a batuta de directores como Michael Tilson Thomas ou Seiji Ozawa, célebres directores de orquestras como as Sinfónicas de Boston, San Francisco, Londres ou Chicago.

Pola súa banda, a pianista Noelia Rodiles é premio á alumna máis sobresaínte de música de cámara e tamén de piano na Escola Superior de Música Reina Sofía de Madrid, ten recibido premios internacionais como o de piano “Rotary Club” en Palma de Mallorca, o “Esther Guillén” da Fundación Miguel Ángel Colmenero ou, en 2013, o Primeiro Premio e tres especiais no Concurso Nacional de Piano “Ciudad de Albacete”. Como solista ten tocado con orquestras como a Nacional d´Andorra, The Soloist of London, Sinfónica do Principado de Asturias ou Real Conservatorio de Madrid.