A Xunta de Goberno deu un paso adiatne para contratar o servizo da casa de acollida.

A Xunta de Goberno lcoal acordou este xoves adxudicar o servizo de préstamo de bicicletas do Concello de Ourense a San Mamede Bike S.L. por un importe de 50.067 euros, logo de presentar a oferta economicamente máis vantaxosa.

O Concello tamén deu un novo paso adiante no expediente para contratar, mediante procedemento aberto, o servizo de casa de acollida de mulleres vítimas de violencia de xénero. A oferta económica presentada por Fundación de Solidaridad Amaranta recibíu a puntuación máxima (100 puntos), xa que cumple co requerido no prego de condicións.

No apartado de contratación, declarouse deserto o procedemento aberto para a contratación do arrendamento dun inmoble para a cesión do seu uso á AVV Montealegre.

Fomento do asociacionismo

A Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o fomento de actividades e proxectos xuvenís a prol do asociacionismo. “O obxectivo é apoiar actividades en materia de xuventude dirixidas a mozos e mozas de entre 15 e 35 anos: fomento da participación, dinamización e animación xuvenil, actividades socioculturais, psicosociais, formativas ou de prevención de condutas de risco, tempo de lecer, actividades relacionadas coa diversidade intercultural, ou de fomento do emprendemento e da mobilidade xuvenil”, explicou o alcalde, Jesús Vázquez.

Na área de Cultura aprobáronse tres expedientes para consolidar e fortalecer a actividade cultural na cidade. Por unha banda, o convenio coa Axencia Galega das Industrias Culturais – Agadic para a realización da programación das actuacións culturais incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios para o primeiro semestre de 2016 no Auditorio de Ourense. A achega do Concello será de 24.815 euros e a da Agadic será de 17.918. A axencia oferta un catálogo de compañías no que están todas as de Galicia e unha escolla das de fóra. Así, pasarán por Ourense Ibuprofeno Teatro, Teatro do Morcego, Caramuxo, Avento ou Babaluva, entre outras.

Aprobouse tamén o Convenio de colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Ourense para a realización do II Concurso de Clarinete Cidade de Ourense, unha actividade cultural, de acceso público e gratuíto, que se desenvolverá no auditorio do Conservatorio os días 12 e 13 de marzo, dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 8 e os 17 anos.

Igualmente, daráselle continuidade a un dos certames literarios máis importantes que promove este Concello, o Premio de Poesía Cidade de Ourense, logo da aprobación das bases e da convocatoria do certame, nesta a súa trixésimo segunda edición, así como os 6.000 euros destinados ao premio. O prazo de presentación rematará o día 22 de abril.

Xurídico

A Xunta de goberno local tivo coñecemento de 10 asuntos de índole xurídica -personamentos e sentenzas-, entre eles dous relativos ao TSXG: un fallo que desestima un recurso de apelación contra a sentencia ditada polo Contencioso-Administrativo 2 de Ourense, e que reseña que o edificio sito en Arturo Pérez Serantes ten todos os usos legalizados e non hai que derribalo, e outro fallo que desestima un recurso dunha aseguradora contra a caída do PXOM no que se lle exime ao Concello de Ourense de pagar a indemnización.