A Aula da Natureza do río Miño acolle este venres ás 19 horas a presentación de “La llamada del Puma”.

Amigos da Terra e a Aula de Natureza do Miño traen a Ourense este venres a un dos grandes fotógrafos españois especializados en natureza e medio ambiente, Andoni Canela.

Este evento consistirá nun relatorio onde os asistentes poderán coñecer de primeira man as experiencias e anécdotas do autor de «La llamada del Puma», unha viaxe de 15 meses por todo o mundo en busca de animais salvaxes. O resultado, un libro de gran formato con 272 páxinas e 150 fotografías acompañadas de textos, ilustracións e debuxos. Ademais, estará acompañado polo recoñecido alpinista Sechu López. Este montañeiro e viaxeiro conta cun amplo historial de ascensión entre o que destaca por ser o único galego en coroar o Annapurna.

O puma é a orixe dunha viaxe extraordinaria por montañas, glaciares, bosques, mares, selvas e desertos. Quince meses de ruta por todos os continentes en busca de sete animais en perigo de extinción. O reto de Andoni Canela era atopar e fotografar ao puma, pero tamén ao lobo ibérico, ao bisonte americano, ao pingüín papúa, ao crocodilo mariño, ao cálao bicorne e ao elefante africano. Canela, ademais, expón algo pouco habitual neste tipo de aventuras: que lle acompañe a súa parella, a escritora Meritxell Margarit, e os seus dous fillos, de nove e tres anos. As experiencias diarias xunto aos animais salvaxes mestúranse coas historias da viaxe e o crecemento dos nenos.

A presentación terá lugar ás sete da tarde na Aula da Natureza, en Oira.