Antón Reixa, Manuel Baltar e Iván Estévez

O concerto que terá lugar no Teatro Principal de Ourense o 2 de marzo, servirá para presentar “Fai un sol de carallo-Suite”.

 

Os Resentidos, o grupo máis veterano do rock en galego, soben de novo aos escenarios, da man da Deputación de Ourense e dos novos músicos que integran a big band da Lira, unha sección da banda de música de Ribadavia, a máis antiga de Galicia, para ofrecer un singular concerto, que terá lugar no Teatro Principal de Ourense o vindeiro 2 de marzo. O espectáculo será gravado e audio e vídeo para editar o que será un novo álbum, co que o grupo retorna ao panorama musical.

A presentación do concerto tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” a cargo do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do líder de Os Resentidos, Antón Reixa, e do presidente da Asociación cultural Liradavia, Iván Estévez.

A Deputación de Ourense patrocina este evento que, segundo explicou Manuel Baltar, “é unha iniciativa cultural singular na que participan dúas institucións musicais: a banda máis antiga de Galicia cos seus 175 anos, a Lira de Ribadavia, e dentro dela a súa Lira Big Band, formada polos músicos máis novos da banda, e o grupo que lidera Antón Reixa, Os Resentidos, cunha presenza indiscutible no panorama musical nacional dos anos 80”.

O presidente do goberno provincial dixo que o concerto “é un acontecemento musical para Ourense, co cal rendemos homenaxe a unha institución senlleira de Galicia, a banda de música A Lira, pero tamén a un grupo e a unha obra que aínda hoxe segue influenciando no ámbito musical: Os Resentidos”. Baltar considera que neste evento “únese tradición e modernidade, todo xunto nun traballo que representa unha traxectoria de 30 anos e amosa a potencia e a gran faceta creativa de Antón Reixa”.

Baixo o título de “Fai un sol de carallo – Suite”, o traballo que Reixa e Os Resentidos presentan no Teatro Principal inclúe un percorrido polos temas máis famosos do grupo, aos que hai que engadir seis novas cancións, mesturando as guitarras e as gaitas do grupo co vendaval da big band de A Lira. O concerto no Teatro Principal de Ourense serán rexistrados en audio e vídeo para á próxima edición dun novo álbum con DVD pola compañía Dro Warner co patrocinio da Deputación de Ourense. 16 músicos en escena cun espectáculo que comeza en Ourense e que xirará durante todo o 2016.

Gravación en directo

Antón Reixa agradeceu o apoio da Deputación de Ourense “por facer posible este proxecto, porque a nosa proposta da gravación en directo non era fácil xa que era preciso atopar un lugar que reunise as condicións como as que ten o Teatro Principal de Ourense, e a institución provincial resolveu ese problema e ofreceuse a patrocinar o noso novo disco”.

Reixa dixo que levan preparando este concerto desde o pasado verán, e que o obxectivo é “ofrecerlle ao público todo o que sempre agarda de Os Resentidos pero cunha clara evolución e cunha proposta musical novidosa que é a que aporta a big bang de A Lira”.

Pola súa banda, Iván Estévez agradeceu que Antón Reixa contara con eles para este acontecemento musical. “Púxose en contacto con nós a raíz de ler o libro sobre os 175 anos da historia da banda, e que quixese mesturar a música pop en galego con música tradicional de banda, o que tentamos enfocalo dunha forma máis moderna co formato de Big Band”.

O grupo musical “Os Resentidos” disolveuse no ano 1994. Todos os integrantes continuaron a traballar no mundo da música e no ano 2012 volvéronse xuntar en Ourense con motivo da celebración dos 30 anos da fundación do grupo.  Agora, Os Resentidos volven pisar as táboas dun escenario con novas cancións e con aquelas que forman parte do seu repertorio tradicional que, segundo Reixa, “as que aguantaron mellor o paso do tempo foron as rabiosas, aquelas que tratan sobre temas sociais”.