O Concello de Ourense investigará os actos vandálicos que vén detectando nas obras de mellora da pasarela peonil sobre o río Barbaña, cuxos accesos permanecen cortados desde o pasado 2 de marzo. Malia que a infraestrutura permanece pechada con vallas metálicas unidas entre si por bridas, a empresa concesionaria das obras advertiu do acceso ao recinto das obras, ademais de á caseta e ao contedor de residuos.
Entre outros danos, detectáronse roubo de carteis de sinalización, o forzado da porta da caseta de obras e acceso aos baños da mesma. O pasado mércores apareceron rotos os cristais da furgoneta do encargado da obra.
A preocupación do Concello de Ourense, que porá estes datos en coñecemento da Policía, está no risco real de acceder a unha infraestrutura en obras, polo que reforzará a vixilancia na zona. Por outra banda, apela ao civismo dos cidadáns e reitera a mensaxe de paciencia para os veciños da zona, xa que as obras de mellora durarán tres meses.