En contraprestación polo servizo prestado, a Deputación percibirá unha retribución económica destes municipios que oscila entre os 1.000 e os 1.800 euros. O convenio estará vixente entre o 1 de maio e o 31 de decembro de 2016.

A deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, deu conta dos acordos da Xunta de Goberno da institución provincial correspondente ao venres 18 de marzo, no que destaca o convenio de cooperación entre a Deputación e os concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro para a prestación de asistencia para a xestión do abastecemento en Alta “Razamonde–San Trocado” durante o exercicio 2016.

Por parte destes concellos solicitouse da Deputación a prestación da dita asistencia para o abastecemento, e tralos estudos e negociación das posibles fórmulas acadouse un acordo en canto ás condicións da dita asistencia. O servizo prestarase pola Deputación a través da entidade AquaOurense, Sociedade Provincial de Augas e Medio Ambiente, S.L.

En contraprestación polo servizo prestado, a Deputación de Ourense percibirá a seguinte retribución económica, do Concello de Cenlle: 1.737,05 euros; do Concello de Punxín, 1.085,66 euros, e do Concello de San Amaro, 1.519,92 euros. O convenio estará vixente entre o 1 de maio e o 31 de decembro de 2016.

Montserrat Lama destacou a importancia dos convenios de colaboración entre Deputación de Ourense e os concellos da provincia “para levar a cabo obras, servizos e infraestruturas que teñen na cooperación institucional o seu piar fundamental”.

Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou aceptar a desistencia  do Concello de Amoeiro, acordando o arquivo do expediente expropiatorio incoado pola Deputación, por delegación de competencia do  devandito concello, para a execución do proxecto “Ampliación da rúa Costureiras”.