A actual presidenta, Jackeline Fernández, anuncia que non se presentará á reelección “en concordancia co proceso de rexeneración que está a levar a cabo o partido”.

Novas Xeracións afronta no seu oitavo congreso a renovación da súa estrutura

A organización xuvenil Novas Xeracións do Partido Popular de Ourense vén de iniciar un novo proceso de renovación que rematará o próximo 23 de abril coa celebración do oitavo congreso provincial. Unha cita na que os membros da organización escollerán a un novo representante, logo de que a actual líder, Jackeline Fernández, anunciara que non optará a un novo mandato.

A tamén parlamentaria galega, á fronte de Novas Xeracións desde decembro de 2010, manifestou que “a nosa é unha organización viva e dinámica e, como tal, debe estar en continuo movemento e adaptación”. Nesta liña situou as razóns da súa decisión, que se basean “en garantir a renovación da nosa estrutura”. Un proceso de cambio que vai máis aló, dixo, “pois está en concordancia cos obxectivos de rexeneración que se está levando a cabo dentro do noso partido”.

Para Jackeline Fernández, estes seis anos á fronte de Novas Xeracións constituíron unha experiencia moi positiva que mesmo cualifica de “enriquecedora e moi gratificante, tanto a nivel profesional como persoal, posto que me axudou a coñecer de primeira man os problemas e inquedanzas dos máis novos e intentar buscar solucións”.

Con todo, a actual presidenta non se desvinculará da organización, tendendo a súa man ao próximo líder “para axudar e colaborar en todo o que necesite”. Engadiu neste sentido que “Novas Xeracións é unha organización na que todos teñen cabida e o traballo e cooperación de todos axuda ao fortalecemento da mesma”, animando así aos mozos do Partido Popular de Ourense a participar neste congreso “para que co seu voto demostren o seu compromiso con esta organización».

A presentación de candidaturas, que xa está aberta, rematará o próximo día 22 e non será ata o día 28 cando o comité organizador do congreso proclame as candidaturas.