A iniciativa está dirixida ao alumnado do ensino público de Barbadás: 336 escolares do colexio Filomena Dato, 374 do CEIP O Ruxidoiro e 200 do IES Ferro Couselo.

A Escola de Familias de Barbadás fomentará a educación como unha tarefa compartida

O 20% da poboación de Barbadás é menor de 16 anos (1.991 alumnos); de aí a iniciativa da Concellería de Educación deste concello de poñer en marcha unha Escola de Familias. «É un proxecto de formación para pais e nais co fin de apoialos na educación dos seus fillos”, explica o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel.

Segundo Valcárcel “trátase de dar resposta ás dúbidas que xorden a diario sobre o seu desenvolvemento persoal, educativo e emocional, así como dotar ás familias dos recursos e orientacións para as diferentes etapas educativas”

A concelleira de Educación, Marga Pérez, sinala que a Escola de Familias ten entre os seus obxectivo identificar problemáticas, sentirse apoiados por profesionais e especialistas no tema, comprender os cambios que experimentan no seu proceso evolutivo ou ofrecer pautas para unha maior comunicación dentro do fogar. Pérez destaca a importancia da Escola de Familias para cuestións como “previr o mal uso das novas tecnoloxías, a importancia dunha sólida educación en valores para superar con éxito as etapas problemáticas ou adquirir pautas e ferramentas de actuación.

O proxecto desenvolverase a través de charlas-talleres abertas e participativas que terán unha periodicidade quincenal e unha duración dunha hora. Analizaranse temas variados: a fala na educación infantil, a comunicación na familia, o xogo na infancia, a prevención de accidentes infantís, a promoción da saúde na familia, as normas e os castigos, o fomento da lectura, redes sociais, internet e protección de datos, adolescencia e sexualidade, como mellorar a autoestima dos adolescentes ou como falar cos fillos sobre temas difíciles.

As charlas impartiranse na Casa da Xuventude da Valenzá e os proxenitores que asistan terán á súa disposición a ludoteca.

Primeira cita

A primeira charla terá lugar o 31 de marzo ás 19 horas e será impartida polo psicólogo José Antonio Fontelo, co título «Sabemos poñer límites aos nosos fillos?»O 14 de abril o psicólogo Agustín Fernández falará da aprendizaxe para estimular aos fillos; o xoves 28 de abril Millán Brea, educador social do Centro Quérote abordará as redes sociais na adolescencia. O día 5 de maio ás 17 horas profesionais especialistas da Garda Civil impartirán unha charla sobre a agresividade dos nenos e do acoso escolar. A alimentación saudable na infancia pechará o ciclo da Escola de Familias. A charla-taller terá lugar o 19 de maio ás 18:30 h e será impartida por Ana Martínez Lorente, técnica do Servizo Estilos de Vida Saudables e Educación para a Saúde da Consellería de Sanidade.

A concelleira de Educación, Marga Pérez, destacou a colaboración dos orientadores que participan na posta en práctica da Escola de Familias: Dolores Fernández, do colexio Filomena Dato; María Jesús García, do CEIP O Ruxidoiro e José María Tejerina, do IES Ferro Couselo.