Os crecementos de emprego entre xullo e setembro mesmo acompañaron nos momentos álxidos da crise, segundo analiza o Observatorio Económico do Inorde.

A viticultura fai que o mercado laboral do Ribeiro medre unha media do 3,5% no terceiro trimestre de cada ano

O Observatorio Económico Ourensán do Ribeiro, que foi presentado no Concello de Ribadavia, cuantifica nunha media do 3,5% o crecemento neto que experimenta o mercado laboral da comarca coincidindo cada ano coa campaña de recollida da uva. É dicir, as vendimas fan posible que o mercado de traballo creza sempre nesta comarca durante o terceiro trimestre, mesmo cando o sector industrial, a construción e os servizos están a restar afiliados.

O repunte comarcal das afiliacións entre xullo e setembro deuse incluso nos anos nos que a crise económica foi máis devastadora. Así, tal e como detallou o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, “a viticultura fixo posible que O Ribeiro experimentara no terceiro trimestre de 2015 a creación dun 3,1% de emprego neto. Esta situación vense repetindo polo menos desde que existen series trimestrais de afiliacións por concellos e por comarcas, é dicir, desde o ano 2012. As táboas comparativas do Observatorio permítennos verificar que, grazas ao efecto das vendimas sobre as contratacións, o emprego local creceu un 5,4% no terceiro trimestre de 2014, un 2% no de 2013 e un 3,2% no de 2012”.

Ademais, José Manuel Rodríguez engadiu que este comportamento cíclico do sector agrícola “é prácticamente exclusivo da comarca do Ribeiro. No resto da provincia, o sector primario leva anos sufrindo unha importante perda continuada de afiliados, sen períodos de recuperación como os que se aprecian nesta comarca a finais de cada verán”. Na súa exposición, o xerente do Inorde precisou que o sector agrícola tivo un saldo neto de 40 novos empregos no terceiro trimestre de 2015, que equivale a un incremento do 10,3.

No conxunto da economía, o Observatorio Económico Ourensán conclúe que O Ribeiro creou un 0,8% de emprego neto en 2015, a sexta mellor marca da provincia e un valor idéntico ó da media ourensá. Na comparativa coa situación previa á crise, a comarca sae peor parada, ao acumular unha caída do 23% nas afiliacións, fronte a unha media provincial e autonómica do -13%.

De non ser polo empeoramento do último trimestre do ano, O Ribeiro tería liderado a rexeración laboral na provincia en 2015. José Manuel Rodríguez subliñou que “de abril a setembro houbo un repunte moi significativo no emprego local, que medrou un 5%. Sen embargo, no último trimestre do ano a estacionalidade, polo fin da campaña de recollida de uva, fixo que se perderan 165 empregos, cos catro grandes sectores de actividade coincidindo á baixa entre os meses de outubro e decembro”, explicou.

En taxa interanual, no acumulado de todo o ano 2015, a maior creación neta de emprego  orrespondeulle á construción, que recuperou un 7,8% de afiliados, seguido polo sector industrial, cunha suba do 1,7%. A agricultura tamén pechou en positivo, cun aumento do 0,3%, mentres que o sector servizos rexistrou unha mínima baixada do 0,2%. Con estas variacións, o mercado local recuperou a barreira dos 4.500 postos de traballo, nivel que non se daba desde decembro de 2014.

No ámbito municipal, sete dos dez concellos son na actualidade xeradores de emprego neto. Cenlle logrou unha suba interanual das afiliacións do 6%, mentres que Avión e Beade achegáronse ao 5%. Tamén cabe salientar o bo comportamento de Ribadavia, que cunha subida do 2,2% convértese na segunda cabeceira comarcal -detrás de Castro Caldelas (2,7%)- que recuperou máis emprego no último ano na provincia de Ourense. Os outros tres municipios veciños con alzas foron Arnoia (1,9%), Cortegada (1,6%) e Carballeda de Avia (0,6%). No acumulado desde decembro de 2007, os concellos que presentan as mellores evolucións de afiliados son Ribadavia (-15%) e Leiro (-18,2%).

O paro baixou con respecto ao ano anterior

Segundo o informe, o paro comarcal baixou un 5,6% no último ano (noveno mellor rexistro entre as doce comarcas ourensás), mentres que o acumulado desde o inicio da crise reflicte unha subida do 19,2%, a sexta máis moderada de toda a provincia. En resumo, O Ribeiro está a restar parados a un ritmo anual de case o 6%, un punto menos que a media da provincia (-7%) e dous puntos menos que a media galega (-8,7%), pero no acumulado desde 2008, a evolución resulta moito máis favorable a nivel comarcal, xa que mellora en 9,5 puntos porcentuais a taxa ourensá (28,7% de subida) e en 27,5 puntos porcentuais a taxa galega (46,7% de incremento).

Nos últimos doce meses houbo descensos do paro en sete dos dez concellos do Ribeiro, con catro reducións a dobre díxito: Beade (-17,1%), Cortegada (-11,5%), Melón (-10,8%) e Ribadavia (-10,4%). O contrapunto estivo en Castrelo de Miño (22,2%), que marcou o segundo maior repunte entre os 92 municipios da provincia.

Xa no paro acumulado desde xaneiro de 2008, o mellor control localízase en Melón e en Arnoia, os dous concellos que fixan subas inferiores ao 10%. E por debaixo do 20% aparecen tamén Carballeda de Avia, Leiro e Ribadavia.

O Observatorio Económico da Deputación salienta positivamente a evolución do paro na cabeceira de comarca, ao descontar parados no último ano a dobre díxito (-10,4%) e ao limitar o crecemento desde 2008 ao 11,6%, o que significa que a taxa acumulada de Ribadavia é tres veces inferior á da provincia de Ourense e catro veces máis baixa que a de Galicia.