O Teatro Principal acolleu a presentación das etapas desta proba ciclista que percorrerán a nosa provincia.

La Vuelta pasará por 21 concellos ourensáns

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, foron algunhas das autoridades que participaron este xoves na presentación das etapas da 71 edición de La Vuelta ciclista a España que percorrerán 21 concellos da provincia ourensá.

Díaz Mouteira avaliou a repercusión que terá para a provincia este evento deportivo, subliñando o impacto mediático e económico que produce nas zonas polas que transcorre. Así mesmo, a delegada territorial reivindicou a importancia que ten La Vuelta para a proxección de Ourense a nivel internacional, a través da emisión das etapas por televisión. “Unha oportunidade única para continuar coa traxectoria de internacionalización do noso destino ao tratarse dunha magnífica ferramenta para dar a coñecer as potencialidades paisaxísticas, culturais e turísticas da nosa provincia” asegurou .

La Vuelta sairá dende o balneario de Laias, en Cenlle, mostrando as imaxes de ‘Ourense, provincia termal’ a todas partes do mundo e presentando a provincia como destino termal, un sector que é estratéxico para o seu desenvolvemento turístico e económico.

A delegada concluíu aludindo a gran oportunidade de promoción que supón a elección das nosas terras como escenario desta competición deportiva.

La Vuelta 2016 pasa por 21 concellos ourensáns: Cenlle, Castrelo de Miño, Ribadavia, Ourense, A Arnoia, Melón, Castro Caldelas, Parada de Sil, Nogueira de Ramuín, Maceda, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía, Allariz, Sandiás, Xinzo de Limia, Trasmiras, Cualedro, Monterrei, Verín, Riós e A Gudiña.