O mercado laboral da Limia presenta un acentuado contraste entre a cabeceira comarcal o resto dos municipios, con diferenzas moito máis acentuadas que no conxunto da provincia. A febleza dos concellos rurais queda retratada no feito de que antes da crise só había dous municipios –Calvos de Randín e Porqueira– que contabilizaban menos de 300 empregos locais, mentres que na actualidade son cinco –engadíronse Baltar, Os Blancos e Vilar de Santos–, e nuns meses poderían ser sete, xa que Sarreaus e Trasmiras conservan esa barreira por un estreito marxe de 10 e de 15 afiliacións, respectivamente.
Pola súa parte, Xinzo de Limia vense amosando como un dos municipios máis resistentes aos efectos laborais da crise. De feito, é o quinto concello de toda a provincia que perdeu menos afiliados en toda a serie histórica da crise. En comparación con decembro de 2007, o mercado de traballo de Xinzo de Limia só restou o 6,9% dos cotizantes.
Logo da exposición destes datos, procedentes dos estudos do Observatorio Económico Ourensán, no acto que tivo lugar no Concello de Xinzo de Limia, o xerente do INORDE, José Manuel Rodríguez, concluíu que “no seguimento estatístico desta comarca preocupa especialmente a brevidade dos períodos de recuperación, que son máis curtos que nas zonas máis desenvolvidas da provincia. Ata agora, a creación neta de emprego nunca durou máis de dous trimestres consecutivos, o que está lastrando a superación da crise”, apuntou.
No último ano, o conxunto da comarca perdeu o 1,4% dos seus afiliados, mentres que dous concellos –Vilar de Barrio (6,7%) e Sandiás (1,3%)– inverteron tendencia e conseguiron crear emprego neto. O primeiro deles salienta ademais coa terceira mellor marca entre os 92 municipios da provincia. Pola súa banda, Xinzo de Limia pechou 2015 cun descenso do 1% nas afiliacións. Por sectores e a nivel comarcal, o ano pasado minoraron emprego os catro grandes grupos de actividade.
O xerente do INORDE analizou tamén a estrutura produtiva da Limia e indicou que “a agricultura conserva un peso relativo do 17%, cando a media provincial apenas supera o 4,5%, mentres que o sector servizos ten unha das proporcións máis baixas de toda Galicia, ao representar o 60,6%, doce puntos menos que a media ourensá”.
Paro e pensións
Xa no resumo referido á situación do paro na comarca, no acto transcendeu que no último ano houbo unha retardación na baixada de parados, limitada agora mesmo ao 1,6%, o descenso máis suave de toda a provincia. Con todo, catro concellos están a restar parados a dobre díxito: Trasmiras (-13,6%), Sarreaus (-12,6%), Rairiz de Veiga (-11,1%) e Vilar de Barrio (-10%). O paro tamén decrece en Calvos de Randín (-8%), Vilar de Santos (-3,3%) e de xeito case inapreciable en Xinzo de Limia (-0,1%), o que fai que a diminución a nivel comarcal sexa moi lixeira, xa que a cabeceira concentra máis da metade (55,5%) dos parados residentes na Limia.
Ademais, a taxa acumulada desde xaneiro de 2008 reflicte que a comarca está en mellor posición que o conxunto de Ourense e de Galicia. Rexistra un crecemento do 26,1% na cifra de parados, é dicir, 2,7 puntos menos que a media provincial e 20 puntos menos que a autonómica.
Por último, a sétima edición do Observatorio Económico da Deputación analiza as pensións, que na Limia alcanzan un importe medio de 645 euros (100 euros menos ao mes que a media provincial), a contía máis baixa da provincia, como consecuencia do elevado peso relativo das cotizacións agrarias.