Compromete un incremento de horas do Servizo de Axuda no Fogar ata acadar o 100% da ratio de atención.

Rey Varela recibe o alcalde de Vilariño de Conso

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, continua coa rolda de entrevistas que está a manter dende o pasado mes de novembro cos rexedores dos concellos galegos co fin de mellorar as prestacións no eido social.  Neste caso, o titular autonómico celebrou unha reunión de traballo co alcalde da vila ourensá de Vilariño de Conso, Ventura Sierra Vázquez, quen acudiu acompañado da tenente de alcalde, Melisa Macía Domínguez.

Así as cousas, na  xuntanza que tivo lugar nas dependencias de San Caetano, o conselleiro e o alcalde de Vilariño de Conso acordaron abrir novas vías de colaboración co obxecto de mellorar as infraestruturas sociais coas que conta o municipio ourensán. Nomeadamente, para a finalización da residencia da terceira idade que proxecta abrir a administración local e para a que Rey Varela comprometeu o apoio en labores de asesoramento do departamento que dirixe. Así mesmo, valoraron a posibilidade de incrementar o número de horas do Servizo de Axuda no Fogar ata acadar o 100% da ratio de atención.