Ioga para fomentar o bo humor, fotografía da natureza, xardinería ecolóxica ou cociña vexetal para cativos, na lista dos novos cursos.

O Botánico de Montealegre presenta novos obradoiros

O Botánico de Montealegre vén de presentar a súa oferta de obradoiros para o segundo semestre de 2016, unha variada e divulgativa oferta para todas as idades que está a conseguir que sexan cada vez máis os ourensáns que pasan por este parque municipal. Entre marzo de 2015 e marzo de 2016 foron 9.103 as persoas atendidas no Botánico, un 38’4% máis das que pasaron polas instalacións no ano anterior. “Un dos compromisos deste goberno era poñer en valor o parque de Montealegre”, afirmaba José Araújo, concelleiro de Medio Ambiente durante a presentación, “para que mellore a nosa calidade de vida e para facernos máis felices”.

Esta atracción de visitantes estase a conseguir grazas á dinamización do espazo con obradoiros, dirixidos a público adulto -os sábados pola tarde- e tamén ao infantil -domingos pola mañá-. Segundo apuntaba José Méndez, coordinador das actividades, “son gratuítas pero con prazas limitadas, polo que haberá que inscribirse previamente a través da web www.botanicodemontealegre.com.

O primeiro dos obradoiros comezará este mesmo 9 de abril (Ioga de risa), e seguirán até a primeira fin de semana de xuño. Pequeno cociñeiro, Hortos infantís, Bosques do mundo, Explora o Montealegre, Paso a paso polo mundo vexetal son as propostas para os menores. E Obradoiro de bonsais, Fotografía da natureza e Iniciación á Xardinería Ecolóxica as actividades destinadas ao público adulto.

Ademais, convocarase un Concurso de Fotografía, dirixido ao público adulto, cuxas bases xa se poden consultar na páxina web, e que se desenvolverá a partir do 6 de xuño.