A promoción é válida desde o 23 deste mes até o 3 de maio.

O departamento de Turismo do Concello de Ourense e a operadora ferroviaria Renfe chegaron a un acordo de promoción da cidade polo que potenciarán a festividade dos Maios, declarada de Interese Turístico, así coma o resto das actividades que coincidan no tempo. Os viaxeiros con destino Ourense poderán, desta forma, obter un desconto do 30% nos billetes en todos os trens e traxectos de percorrido nacional, ben de ida coma de ida e volta, no período comprendido entre o 23 de abril e o 3 de maio de 2016.

Esta promoción, válida para os billetes electrónicos (comprados a través da internet) coma para os físicos (será preciso imprimir o cupón de desconto), non é acumulable con outras ofertas de Renfe, e permitirá achegarse á nosa cidade coincidindo con eventos coma a propia festa dos Maios, o concurso de pinchos Sabores de Ourense Primavera 2016, a feira de artesanía, a mostra de teatro Miteu ou a Shopping Night, ademais doutras actividades puntuais. O código da promoción é: 301610610.

En paralelo, o departamento de Turismo traballa con hoteis da cidade para que elaboren paquetes turísticos propios destas datas e atraer o máximo número de visitantes posible.

Toda a información sobre o desconto de Renfe en http://www.renfe.com/viajeros/tarifas/eventos_tutorial.html