Os servizos frean o deterioro laboral que se percibe na agricultura e especialmente na industria, que perdeu un 10% de empregos no último ano, segundo datos do Observatorio Económico do Inorde.

O sector servizos sostén o emprego na comarca de Viana

O mercado laboral da comarca de Viana presenta un comportamento marcadamente cíclico desde 2012, con fortes recuperacións do emprego nos meses de verán, con descensos case na mesma proporción a finais de ano e con mantemento e gran estabilidade durante o primeiro semestre. Ningunha zona da provincia describe unha evolución tan estacional como Viana.

Estas conclusións foron dadas a coñecer este martes na presentación comarcal do Observatorio Económico Ourensán, nun acto que tivo lugar no Concello de Viana e no que o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, vinculou a recuperación cíclica do emprego entre xullo e setembro á hostalería, ao turismo e ao retorno dos residentes noutras zonas, o que repercute “do xeito máis visible de toda a provincia nos establecementos do sector servizos que reabren, que concentran a súa actividade nos meses de verán e que, en definitiva, crean emprego”, indicou.

“Só existe unha estacionalidade tan acentuada noutra comarca ourensá, na do Ribeiro, e tamén no terceiro trimestre de todos os anos, pero neste caso o protagonismo está na viticultura e non nos servizos. O comportamento cíclico é tan intensivo en Viana que as recuperacións de emprego que se observan no verán nos servizos acadan ano tras ano un volume semellante. Así, en 2015 a afiliación subiu nesa época do ano un 6,2%, en 2014 un 6,4%, en 2013 un 5,3% e en 2012 conquistou o nivel máximo, cun 7,3% de subida. De feito, neses catro exercicios consecutivos o impulso estival permitiu recuperar sempre a barreira das 1.800 afiliacións coincidindo sempre co mellor trimestre do ano”, detallou José Manuel Rodríguez.

Na presentación do Observatorio Económico da Deputación transcendeu que o sector servizos, que impulsa o 65% de todo o mercado laboral, é a principal fonte de mantemento do emprego comarcal. En 2015 creceu un 0,7% en taxa interanual, en contraste co descenso do 1% na construción, do 3,3% na agricultura e do 9,8% na industria, sector que desde o segundo semestre de 2015 está nos niveis máis baixos de emprego desde o inicio da crise. Desde mediados de 2011, o descenso nas afiliacións industriais achégase ao 20%.

Coas achegas de todos os sectores, o saldo final de 2015 presenta unha caída do 1,4% nas afiliacións, a peor evolución no conxunto da provincia. Con todo, a posición de Viana na comparativa 2008-2015 sigue a ser das mellores. En concreto, trátase da cuarta comarca ourensá menos debilitada pola crise desde a perspectiva laboral, ao limitar a diminución do emprego ao 14,2%.

“Na estatística máis desagregada, a do nivel municipal, Viana do Bolo está entre as cabeceiras comarcais que perderon menos emprego, o 12,8% no seu caso, e A Mezquita aparece entre os doce concellos con mellor comportamento, cun descenso do 11,5%. Na práctica totalidade da comarca, a taxa acumulada desde o comezo da crise está por baixo do 20%, salvo en Vilariño de Conso, onde sube un punto e medio máis, ata o 21,5%”, explicou José Manuel Rodríguez.

En 2015, A Mezquita (2,5%) e A Gudiña (0,5%) crearon emprego neto, ao contrario que Viana do Bolo (-1,7%) e Vilariño de Conso (-9,7%). A cabeceira concentra practicamente a metade (49%) do emprego do conxunto da comarca. A cifra actual de empregos en todo o territorio, 1.714, é comparable á que se rexistraba a principios do ano 2012.

Datos do paro
A análise do paro está repleta de boas novas nesta zona da provincia, tal e como transcendeu na presentación. De entrada, é a única comarca que presenta menos parados que antes da crise, en concreto un 0,7% menos que a comezos de 2008. A explicación está na boa evolución en todo o territorio, pero especialmente no concello da Gudiña, onde o descenso en taxa acumulada mesmo excede o 22%, o segundo máis forte entre os 92 municipios ourensáns, só por detrás do que acada Vilar de Barrio (-28%). Nos outros tres concellos de Viana, a taxa acumulada de paro está por baixo do 8,5% de incremento.

En taxa interanual, o último ano foi moi favorable para seguir neutralizando o desemprego. A baixada comarcal do paro situouse no 13%, a segunda máis intensa da provincia. A única lagoa deuse en Vilariño de Conso, que estende ao paro a mala xeira das afiliacións, cun repunte interanual do 5%. Polo contrario, os concellos cos que comparte unidade comarcal rexistraron descensos a dobre díxito: A Gudiña (-20,7%), A Mezquita (-17,9%) e Viana do Bolo (-10,3%).