A Plataforma Cidadá de Ourense “Non ao TTIP” informa que xa se presentaron mocións en nove plenos municipais, en cinco dos cales se aprobou a declaración institucional de “Concello oposto ao TTIP e os tratados de libre comercio”.

A Plataforma Cidadá de Ourense “Non ao TTIP” informa que xa se presentaron mocións en nove plenos municipais, en cinco dos cales se aprobou a declaración institucional de “Concello oposto ao TTIP e os tratados de libre comercio”.

A proposta da plataforma está a ter unha moi boa resposta por parte da cidadanía e os grupos políticos municipais en toda a provincia. «A próxima aprobación, por parte da Unión Europea, duns tratados que máis aló de propiciar o comercio e o investimento afondan no aumento das desigualdades, a precariedade e a perda de dereitos, é un tema ante o que cada vez é maior o número de cidadáns informados e preocupados», salientan desde a Plataforma.

Son xa cinco os municipios da provincia que se declararon contrarios a estes tratados que inciden directamente na perda de soberanía e democracia: O Barco de Valdeorras, Ribadavia, Baños de Molgas, Entrimo e Barbadás. No Carballiño, Taboadela e Monterrei tamén se presentaron mocións nos plenos municipais, pero estas non prosperaron. En próximas datas presentaranse propostas semellantes nos concellos de Ourense, Manzaneda, O Pereiro de Aguiar, Montederramo, Toén, Xinzo de Limia e Allariz, neste último caso a través dunha iniciativa cidadá para a que se están recollendo sinaturas por parte de diversos colectivos sociais.

Á parte destes catorce municipios, desde a plataforma infórmase que son algúns máis os concellos que amosaron interese na proposta, pero aínda non confirmaron a súa presentación.

Anúnciase así mesmo que, tras o gran interese suscitado pola charla do politólogo Carlos Taibo do pasado 30 de marzo, realizaranse diversas accións nas próximas datas, destacando o acto no que intervirá a eurodiputada Marina Albiol, unha das poucas persoas que puido revisar de primeira man os documentos relativos a estes tratados en Bruxelas. A charla terá lugar o vindeiro xoves 21 de abril, no Liceo de Ourense, ás 20 horas.

O mércores 27 realizarase tamén un vídeo-forum, no que se exporá un documental sobre o tema que abrirá un debate para aclarar dúbidas e solicitar propostas.

Estas accións coinciden co Primeiro encontro europeo de municipios contra o TTIP, que terá lugar en Barcelona os días 21 e 22 de abril, ao que foron convidados os máis de 140 concellos españois e 1.200 europeos que realizaron esta declaración, entre eles os da provincia de Ourense.