Pechou as portas da súa 11ª edición contando con preto de 2.000 visitas que participaron activamente nas súas 40 actividades.

Previsel confirma as vantaxes sociais, sanitarias e económicas da prevención

Previsel, a única cita en Galicia que aborda a seguridade laboral e que consegue a implicación de todos os axentes sociais implicados na prevención, serviu un ano máis para confirmar que a formación e o investimento neste eido contribúen ao incremento da produtividade, competitividade e sustentabilidade das empresas supoñendo ademais unha diminución dos custos sociais e sanitarios. Previsel pechou a súa 11ª edición que ofreceu 40 actividades que espertaron o interese das preto de 2.000 visitas que se achegaron ata Expourense entre onte e hoxe.

Baixo o lema da creación de “Empresas Saudables” e co obxectivo de fomentar a cultura preventiva, Previsel foi o lugar elixido para ampliar a súa formación en prevención orientada a colectivos específicos como foi o caso dos traballadores do sector dos froitos secos e oleaxinosas que participaron no seminario organizado polo ISSGA ou  o obradoiro de traballos en altura no que participaron os que despois impartirán obradoiros a traballadores sobre este tema. Ademais da presenza de profesionais, Previsel contou coa participación activa de profesores e alumnos de centros de Formación Profesional de toda Galicia.

Outra das actividades que contou cun importante seguemento profesional foi a xornada informativa sobre “Mindfulness + Coaching” na que participaron preto dun cento de traballadores en activo convocados pola Confederación Empresarial de Ourense, CEO.

Tamén destacou entre as actividades deste xoves a mesa redonda que analizou a eficacia en autoprotección, emerxencias e seguridade laboral na que participaron representantes da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e dos colexios oficiais de arquitectos, aparelladores, enxeñeiros técnicos agrícolas, enxeñeiros técnicos industriais e de TESGALICIA. Todos eles incidiron na necesidade de incluír a prevención como materia no sistema educativo actual co obxectivo de concienciar sobre a seguridade laboral dende a infancia.

Nesta edición cabe sinalar tamén o programa de actividades promovido por TESGALICIA que convocou a técnicos de emerxencias de toda Galicia e que continuarán coa formación ata o sábado.

Previsel é posible grazas á unión de esforzos da administración, patronal, sindicatos, colexios profesionais e voluntariado como quedou patente no acto de entrega de placas de agradecemento á trintena de entidades colaboradoras. Este acto estivo presidido pola delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira, quen agradeceu a participación de todos para conseguir “que a prevención sexa unha prioridade empresarial e que a formación neste eido sexa a mellor ferramenta para combater a sinistralidade laboral”.