Os socialistas sinalan deficiencias como estado das beirarrúas e falta de accesibilidade, a proliferación de maleza , as carencias no alumeado público, a nula presenza policial ou a ausencia de mantemento das dotacións.

O PSOE insta a executar actuacións urxentes no barrio do Pino

O grupo municipal socialista vén de denunciar, tras escoitar as demandas veciñais e comprobar “in situ” o estado de abandono no que se atopa o barrio do Pino, as «múltiples deficiencias» desta zona, que -din- son froito tanto da desidia do Goberno do PP como da falta de actuación doutras administracións.

«Podemos observar que o estado no que se atopan as rúas, parques e zonas comúns é lamentable, cunha clara falta de mantemento e conservación por parte do Concello. Asemade, o tramo urbano da N-120 que atravesa o barrio presenta unha circulación para os peóns cada día máis complexa, por unha banda as beirarrúas son moi estreitas e moitas delas presentan maleza e non contan con rebaixes para persoas de mobilidade reducida, e por outra a falta de valado dos solares colindantes coa estrada que provoca que a maleza invada as beirarrúas», relatan nunha nota.

Outras problemáticas importantes no barrio do Pino son deficiente alumeado público en xeral, e máis en concreto na rúa Travesía da Vía Vella, e a inexistente presenza de Policía Local «fai que continuamente se estean a producir actos vandálicos, como por exemplo as pintadas en distintas infraestruturas da zon»a.

En resumo, os socialistas demandan ao grupo de goberno a execución dunha batería de actuacións urxentes en colaboración co Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia, co fin de «adecuar as beirarrúas e dotalas de accesibilidade peonil, limpar a maleza existente nas mesmas e instar a que se limpe a dos soares colindantes, reparar e dotar dun alumeado público en condicións a zona, aumentar a presenza da Policía Local no barrio e efectuar reparacións e mantemento nas rúas, parques e zonas comúns «.