O premio, dotado con 3.000 € e diploma, entregarase o vindeiro 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa, nun acto que se celebrará na Deputación de Ourense.

Santiago Jaureguizar gaña o XXVI Premio de Periodismo “Xosé Aurelio Carracedo”

O xornalista Santiago Jaureguizar (Bilbao, 1965)  é o gañador do XXVI Premio de Periodismo “Xosé Aurelio Carracedo” na súa edición de 2016, dotado con 3.000 euros e diploma, un certame que anualmente convoca a Deputación de Ourense para honrar a memoria do xornalista ourensán que lle dá nome ao premio, falecido en 1988.

O xurado ditaminou conceder o galardón a Santiago Jaureguizar polo artigo xornalístico publicado no xornal “El Progreso”, de Lugo, titulado Os amigos do cadáver de Blanco Amor, destacando da obra premiada “a calidade xornalística do artigo, o sentido crítico e a proposta de “actualizar”, por medio dunha personaxe histórica da literatura galega, como é Eduardo Blanco Amor, a crítica á situación social que vivimos nestes momentos”.

O xurado, que elixiu por maioría o traballo de Jaureguizar, considera que se trata dun artigo “moi ben estruturado e orixinal no seu plantexamento e enfoque”.

Santiago Jaureguizar é redactor de Cultura do diario El Progreso de Lugo dende 1993. Coordina o suplemento cultural Táboa Redonda. Como xornalista foi galardoado cos premios “Manuel Reimóndez” e “Museo Provincial de Lugo”. A súa faciana de narrador foi recoñecida cos galardóns “Lueiro Rey”, “Xerais”, “García Barros”, “Terra de Melide” e “Caixa Galicia de Literatura Infantil e Xuvenil”.

O xurado, presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval Soto, estivo integrado por Xosé Ramón Pousa Estévez, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; Xosé Francisco Rodil Lombardía, membro da Comisión de Garantía da FAPE; Francisco González Sarria, vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e Xosé Manuel Baamonde Silva, decano da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación de Pontevedra, actuando como secretario Fernando Rodríguez Méndez, responsable de Comunicación da Deputación de Ourense.

A entrega do premio terá lugar nun acto que se celebrará no Salón de Plenos da institución provincial o día 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa.