Descríbense como unha formación “de ámbito galego, sen ataduras externas e de centro”. O novo partido descríbese como unha formación “de ámbito galego, sen ataduras externas e de centro”.

O ex socialista e ex popular Eladio Fernández lidera Vía Nova Galicia

O ex concelleiro e deputado socialista e ex militante do PP Eladio Fernández  presentou este martes en Ourense un novo partido político, Vía Nova Galicia, que arrancará a súa traxectoria presentándose ás vindeiras eleccións autonómicas. Fernández definiu o seu novo proxecto político como un partido “de ámbito galego, sen ataduras externas, de centro, con capacidade para o consenso, renovador e con marcado carácter europeísta, dentro da unidade de España”.

Na presentación de Vía Nova Galicia, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, o seu presidente-fundador adiantou un decálogo de propostas da formación, como a rexeneración das institucións, unha folla de ruta e condicións de apoio para a creación emprego, a posta en valor da administración local e da figura do alcalde, a defensa da xestión pública nos servizos básicos, o reequilibro territorial e o liderado galego como única saída. “Ninguén vai salvar a Galicia, só os galegos se somos capaces de unirnos”, afirmou Fernández. Engadiu que queren representar “o sentir dos galegos”, de quen dixo que se trata de “xente tranquila, de centro, de pacto e traballadora”.

O ex presidente da Cogave (Confederación Galega de Asociacións Veciñais, cargo ao que xa renunciou), apuntou que tras Vía Nova Galicia “non hai ningún sponsor nin nos fai falta” e que realizarán a campaña cos seus propios medios.

Os promotores de Vía Nova Galicia –entre os que tamén están Carmen Rodríguez, Rubén Fernández e Carlos Fernández- presentarán en vindeiras datas este proxecto nas outras provincias galegas.