Catorce adegas desprázanse o vindeiro 9 de maio ao Museo Automobilístico da cidade para amosar os seus viños ao profesionais e amantes do mundo do viño.

A D.O. Ribeiro preséntase en Verema Málaga 2016

A D.O. Ribeiro e catorce das súas adegas buscan consolidar a súa imaxe como líder en viños brancos de calidade a nivel nacional a través da súa participación no evento Experiencias Verema 2016, que se celebra no Museo Automobilístico de Málaga o vindeiro 9 de maio e que está enfocado a profesionais do sector e a amantes do mundo do viño.

Conscientes do interese crecente nos viños brancos e tintos elaborados con variedades autóctonas do Ribeiro, a xerente do C.R.D.O. Ribeiro, Cristina Alcalá, dará a charla inaugural da xornada, “Ribeiro. Esencia Galega”, de 11.00 a 12.00 horas para facer un percorrido polas cualidades diferenciais da  Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, invitando a catar unha representación de 14 vinos das adegas presentes de diferentes tipoloxías e rangos.

O principal obxectivo da participación neste acto é promocionar e reforzar a marca D.O. Ribeiro fóra de Galicia, amosando aos asistentes viños singulares, finos e elegantes, con marcada personalidade e diversidade, así como o coñecemento das súas variedades autóctonas.

As 14 adegas participantes, Alter, Cunqueiro, Bodegas GRM, Antonio Montero, Adegas Valdavia, Antonio Cajide, Eloi Lorenzo, Quinta do Rebolo, Bodega Alanís, Viña Costeira, Ramón do Casar, Viña Mein, Terra do Castelo e Valdepuga, buscan afianzar e incrementar a súa presenza comercial no mercado de Málaga. Segundo un estudo realizado pola Diputación Provincial, “o gasto de viños na provincia elévase a 31 millóns de euros e estímase que preto de 600.000 malagueños o consumen habitualmente”.

O C.R.D.O. Ribeiro continúa deste xeito a súa misión, ampliando as liñas fixadas no seu plan estratéxico 2014-2016, baseadas no desenvolvemento de negocio das adegas nas zonas máis importantes de consumo nacionais, mantendo a cota no seu mercado vocacional, Galicia, e abrindo mercados potenciais en todo o mundo.

Verema, clube de viños e comunidade de afeccionados a viño

Verema é o portal líder de consumidores de viño español con máis de 5,5 millóns de usuarios únicos/mes; e referencia de fala hispana do sector, ocupando a primeira posición de comunidade de foreiros a nivel mundial, que debate e prescribe viños de todo tipo. O seu clube de vinófilos e expertos, nutre con éxito coñecemento aos amantes do viño de todo o país experiencia tras experiencia.