A proposta do goberno do BNG para adxudicar por separado a xestión da piscina municipal e o bar non conta co apoio da oposición.

O pleno municipal de Baños de Molgas do día 6 de maio volveu ser un pleno tenso. Segundo denuncian dende o grupo de goberno do BNG, tanto PP como PSdeG “dilapidaron o traballo levado a cabo durante os últimos meses polo goberno”, que deseñara unha nova forma de xestión na zona recreativa de Baños de Molgas.

A proposta dos nacionalistas de mellorar a xestión da piscina municipal, elaborar un cadro de actividades para tódalas idades dentro do recinto e sacar a concurso a xestión do bar, independentemente da xestión das piscinas municipais, non contou co apoio dos grupos da oposición.

A nova fórmula propuña mudar as tarifas da piscina, para que os usuarios que estivesen censados no Concello contribuíran cunhas cantidades que non superaban en ningún caso os 10 euros por toda a tempada estival; “un paso preciso para poder asumir os gastos dunha piscina máis e mellor dinamizada”, explican dende o BNG.

Os dous grupos da oposición rexeitaron a nova fórmula de xestión,”pero tampouco presentaron unha proposta alternativa, a non ser a de continuar coa de anos anteriores”, reclaman dende o goberno.

A un mes da apertura nada queda decidido e o goberno en minoría do BNG deberá estudar, a contrarreloxo, outras fórmulas que permitan que as piscinas municipais podan abrirse na segunda quincena do mes de xuño.