O vindeiro 17 de maio, o burgo medieval de Vilanova dos Infantes fará revivir a vida das xentes de finais do século XIX e comezos do XX.

A 15ª edición de Raigame homenaxea os segadores

Despois de que o ano pasado se convertera nunha homenaxe ao párroco de Vilanova, Adolfo Enríquez, e á figura da Virxe do Cristal, Raigame volve en 2016 con máis forza. A cita é o 17 de maio, festividade das Letras Galegas, en Vilanova dos Infantes (Celanova), cun amplo programa de actividades que encherán de rebumbio e vida o burgo medieval entre as 11 da mañá e as 7 da tarde.

Os segadores galegos serán homenaxeados nesta 15ª edición da romaría etnográfica, que foi presentada este martes polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o alcalde de Celanova, José Luis Ferro, a responsable do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, Mariló Fernández Senra, e o técnico de Cultura de Celanova, Antonio Piñeiro.

O presidente da Deputación, entidade coorganizadora xunto ao Concello de Celanova, cualificou Raigame como “o evento máis importante etnograficamente que se celebraba na nosa provincia” que “consolida a nosa aposta pola cultura propia”. Pola súa parte, o rexedor celanovés, sinalou que nesta edición se conmemorará o centenario da galeguización do topónimo de Vilanova colocando unha praca recordatoria. José Luis Ferro tamén anunciou que o premio “Adolfo Enríquez” será entregado a Clodio González, historiador de Cenlle “como recoñecemento aos seus estudos etnográficos”.

A organizadora da romaría etnográfica, Mariló Fernández Senra, puntualizou que para eles Raigame é máis que unha festa, “é un revivir, poñernos na pel da xente de finais do século XIX e comezos do XX”. Raigame recolle nunha xornada todo o relacionado coa casa, “o centro da vida daquela época”: estarán presentes unha representación dos oficios como os canteiros, os oleiros, os telleiros, a carpintaría… pero tamén xogos populares, música e danza (participarán 22 grupos), e como novidade “un taller de costureiras tradicionais”.

Na parte cultural do evento, haberá varias exposicións (nas propias rúas de Vilanova e na Torre), ambientación musical a cargo de varios grupos de gaitas, concertos de música popular, un obradoiro e representanción de títeres, e unha obra de teatro a cargo de Sarabela baseada nun conto de Manuel María, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Amais do concurso de fotografía “Romaría Etnográfica Raigame”, que repartirá 1.250 euros en premios.

Ao remate da presentación, proxectouse o vídeo “Raigame e Vilanova dos Infantes. Un patrimonio vivo”, que pode verse a través de Youtube, e no que se amosa o burgo medieval de Vilanova a través de imaxes aéreas e a pé de rúa, nas dúas facianas desta fermosa vila: a cotiá, coa tranquilidade como protagonista, e a multitudinaria, durante o día de celebración de “Raigame”.