O PSOE califica a situación do Concello de Rairiz como "moi preocupante e inadmisible".

Este xoves, ás 13 horas, celebrarase no Concello de Rairiz de Veigo unha sesión plenaria extraordinaria para dar conta da dimisión do concelleiro popular do grupo de goberno Manuel Corderí Ferreiro.

Para o voceiro socialista nesta localidade, Pablo Lorenzo, «os desencontros no seo do grupo de goberno, están a provocar a parálise na xestión municipal». «O cariz dos acontecementos vén adquirindo dimensións de gravidade dende que a Alcaldesa é incapaz de sacar adiante as súas propias propostas en Pleno e fraguouse xa coa marcha dun dos seus concelleiros cara ao grupo sen adscrición. A fragmentación é tal que xa houbo protestas por parte dos tres tenentes de alcaldía ao respecto de que non se lles explica con anterioridade á orde do día qué se vai someter a debate plenario, nun alarde de falta absoluta de transparencia por parte de Asunción Morgade, alcaldesa de Rairiz».

A situación do Concello, relatan os socialistas, é moi complicada e «as dilacións no proceso de rexeneración política prometido pola alcaldesa» dan lugar a pensar que «o escurantismo segue moi presente no día a día da xestión municipal e así quedou contrastada tralas declaracións, antes mencionadas, dos membros da Xunta de Goberno, reclamando máis diálogo».

O PSOE de Rairiz insta á rexedora a que actúe de xeito inmediato para desbloquear «esta penosa situación de inoperancia, que trae consecuencias no día a día da veciñanza»