En outono estará listo un centro de 380 metros cadrados e con 36 prazas.

O Concello de Verín adaptará a Praza de Abastos como centro de día

O Concello de Verín comezará a semana que vén, trala aprobación este xoves dos orzamentos municipais, a desenvolver a súa primeira medida: a construción do Centro de Día na Praza de Abastos, situada na praza Maior. Contará cun orzamento de 90.000 euros, e permitirá a dotación de 36 prazas para maiores, nun espazo de 380 metros na planta de abaixo do edificio municipal, onde ata agora se atopaba a Escola de artes e Oficios que se trasladará aos edificios anexos á lonxa agropecuaria (antiga cafetería).

Gerardo Seoane, alcalde de Verín,  explicou que a construción deste novo centro de día é “unha das maiores demandas da poboación verinesa que permitirá que moitos maiores da vila non teñan que desprazarse para recibir este tipo de servizo e poidan estar máis preto das súas familias, mellorando así a calidade de vida de todo o entorno familiar”.

O primeiro Centro de día de Verín contará cos espazos esixidos legalmente para albergar a 36 usuarios para o que será necesaria unha reforma interior que dotará ás instalacións de unha sala polivalentes, sala de cura e o resto das dependencias de servizo, ademais dunha sala de rehabilitación. A súa céntrica ubicación permitirá “dar un novo uso a este edificio histórico, prestando servizo ós maiores de todas as zonas da vila que desta forma integraranse dentro da vida a cidade en lugar de estar en sitios apartados”, explicou o tenente de alcalde, Diego Lourenzo.

O orzamento inicial do proxecto, que se aprobará a próxima semana, será de 90.000 euros, e contará coa colaboración dos servizos sociais de distintas entidades financieiras da vila que amosaron a súa vontade de colaborar no proxecto.