Un ano de goberno e o Concello continua sen o documento para a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT).

O bloqueo provocado polo Partido Popular, estriba en que “teñen o traballo sen facer; levan todo o ano intentando facer unha RPT, e a realidade é que todas as propostas foron rexeitadas con informes negativos do interventor”, apuntaba Ledicia Piñeiro, de Ourense en Común.

O último informe do interventor advirte que o documento está incompleto, figuran postos de traballo dificilmente vinculables a unha oferta pública de emprego e que non cumpre determinadas esixencias lexislativas. Á vista dos últimos acontecementos e comparecencias do goberno, Ourense en Común apunta a que «o PP está abrindo a posibilidade a darlle para adiante a unha RPT sen a fiscalización do interventor, algo que abertamente insinuou a propia concelleira do PP Flora Moure na última xunta de área «dubido que o interventor teña que fiscalizar isto»».

O bloqueo deste documento da RPT está directamente relacionado coa aprobación dos orzamentos para o presente ano económico, xa que o PP considera que se debe agardar. Desde Ourense en Común aseguran que xa hai máis dun mes que solicitaban a creación dun foro de traballo para ir adiantando e axilizando o traballo en materia orzamentaria.

«O Partido Popular ten que comprender que goberna en minoría e que o bo discorrer da xestión municipal depende da súa capacidade de diálogo. A cal está sendo a día de hoxe nula”, declara Martiño X. Vázquez de Ourense en Común.