O Concello avanzou parte do programa dos festexos, que se celebrarán entre o 25 de xuño e o 3 de xullo.

Xoel López, Duncan Dhu, Ariel Roth e Auryn, nas Festas de Ourense

Xoel López, Duncan Dhu, Ariel Roth, Auryn… son algúns dos nomes propios que actuarán este ano nas Festas de Ourense, que terán lugar entre o sábado 25 de xuño e o domingo 3 de xullo.

O alcalde, Jesús Vázquez, xunto á concelleira de Cultura, Belén Iglesias, e aos técnicos municipais María Díez  e Alfonso Rodríguez, presentou este mércores un avance das que pretenden ser “unhas festas de todos os ourensáns e de todas a cidade”. Baixo esa premisa e cun orzamento “modesto” de arredor de 300.000 euros, hai confirmados xa unha ducia de concertos, que se repartirán entre a praza Maior e o Xardín do Posío.

Na praza Maior, con entrada de balde e horario habitual ás 22:30 horas, actuarán Xoel López (día 25), Roi Casal (día 26), María do Ceo (día 27), Ariel Roth (día 29), Ses (día 30), Delafé (1 de xullo), Coque Malla (2 de xullo), e Furious Monkey House (o 3 de xullo, ás 21:30h). Xunto a eles actuarán bandas locais como The Tetas’ Van, Priscila ou MCarballo.

O Posío, con entrada a cinco euros (xa a venda en Ataquilla.com),  acollerá os concertos de Duncan Dhu, o 30 de xuño, e a boy band Auryn o 1 de xullo, así como o Ourense Dance, no que se pide un donativo en forma de quilos de alimentos.

Ademais, haberá outros concertos de pequeno formato noutras prazas do casco vello, que se irán desvelando máis adiante, xunto a outros detalles do programa. Haberá pregón e fogos de artificio (non concurso) e probablemente de novo mercado medieval; valórase recuperar a batalla de flores, e está por decidir aínda a ubicación das barracas.

“Estamos traballando nunha oferta maior, queremos que sexan unhas festas populares e de rúa”, apuntaba o rexedor, que avanzaba que Cultura prepara un espectáculo para a xornada inaugural “que chamará a atención de cativos e non cativos”.

Concurso para elixir o cartel

Unha das novidades das festas deste ano será a elección do cartel que as anunciará por parte dos cidadáns. Un xurado seleccionará as cinco mellores propostas que se presenten, e logo será o voto do público a través da páxina web da Concellería de Cultura o que decida cal será o gañador.