Este sábado será o Día do Petisco, con animación musical a cargo dunha charanga e talleres infantís.

A Tenreira Galega, protagonista nas xornadas “Quere o teu mercado”

A entrada principal da Praza de Abastos de Ourense serviu este venres de reclamo aos ourensáns que se achegaron ao mercado para facer as súas compras de produto local. Todo aquel que quixo foi obsequiado cun petisco recentemente preparado para saborear un dos pratos fortes do día, o de terneira galega, pois precisamente a este produto dedicóuselle a xornada incluída dentro da programación “Quere o teu mercado. Unha praza para a historia”.

Completando esta degustación, os bares da Praza de Abastos ofertaron cana e petisco a 1 euro e púxose en marcha a primeira das xornadas de micrófono aberto, que terá continuidade tamén este sábado. Con esta iniciativa, ponse a disposición os ourensáns a posibilidade de expresarse libre e espontaneamente no mercado.

O sábado desenvolverase o Día do Petisco con animación de charanga por todas as instalacións e talleres de maquillaxe e globoflexia para nenos entre as 10.30 e as 13.30 horas.

Ademais, permanece aberta a inscrición para participar na comida popular que terá lugar o 28 de maio, na contorna do mercado municipal cun menú a base de polbo, empanada, carne, bica, café e bebida por 22 euros, animación de baile e talleres para os nenos.

Con estas xornadas, incluídas na programación de “Quere o teu mercado. Unha praza para a historia”, o mercado de abastos súmase este ano a unha campaña fomentada pola Unión Mundial de Mercados Almacenistas WUWM desenvolvendo actividades que se prolongarán até o 28 de maio. Ourense suma a súa participación á doutros 700 mercados internacionais, 54 deles galegos, que buscan potenciar a imaxe de marca do mercado e a súa importancia no tecido social no que se inseren.