A renovación total da infraestrutura conclúe cumprindo o prazo de execución anunciado.

A pasarela do Barbaña reábrese con novo pavimento de madeira e mellorada estrutura

A pasarela peonil do río Barbaña está de novo en servizo co novo pavimento instalado polo Concello de Ourense a través dun convenio coa Deputación. As obras realizadas, cun investimento de 73.966 euros, remataron axustándose con total precisión ao prazo de execución anunciado: o día 24 de maio (tres meses en total). Desde este martes voltan ser utilizadas polas numerosas persoas que cada día cruzan desde a zona Tras Alameda á rúa Pura e Dora Vázquez, para ir ou vir desde o centro da cidade ao Parque do Barbaña, ou aos barrios do Couto, A Carballeira e As Camelias.

As obras completan unha intervención longamente demandada pola veciñanza, e que foi posible grazas ao convenio de colaboración asinado polo Concello e a Deputación para executar obras do Plan de Investimentos Municipal.

Rehabilitación integral

A reforma actuou sobre a totalidade da estrutura da pasarela, que xa conta con máis de 20 anos. Elimináronse a chapa e o pavimento de madeira, que estaban moi deteriorados e reparouse a estrutura secundaria (vigas transversais, perfís de arriostramento -a estrutura de suxeición e equilibrio mediante contrafortes, arcobotantes ou tirantes metálicos-) ata nun 60%. Igualmente, fíxose un decapado da estrutura anti-caída, eliminando o óxido e aplicando unha capa que a súa vez sirve de imprimación. O mesmo tratamento aplicouse sobre a estrutura principal da pasarela, que estaba danada nun 6% da súa totalidade.

A estrutura metálica foi pintada novamente e substituíuse o pavimento. Logo de valorar diferentes alternativas, adoptouse a decisión de colocar un novo pavimento da madeira serrada cunha nova disposición dos perfís: colocando  táboas transversais apoiadas sobre un total de catro longueiros lonxitudinais, dispostos sobre as vigas transversais metálicas.

Outra das melloras na pasarela peonil foi a drenaxe no taboleiro, onde se levou a cabo unha coroación dos estribos e a colocación dunha xunta de dilatación no contacto do estribo co taboleiro da pasarela. Desta forma, evitaranse as modificacións producidas na estrutura polos cambios de tempo: dilatación no verán, contracción co frío.