Malia a estar atravesadas por unha variante do Camiño de Santiago, estas zonas non foron consideradas dentro do Programa.

O grupo municipal Ourense en Común presentou unha moción para o seu debate e aprobación no pleno ordinario do próximo venres, en defensa dos veciños de Canedo e Beiro a optar ao programa de axudas para a rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago, promovido e xestionado pola Xunta de Galicia e o Instituto Galego da Vivenda e Solo, e no que o Concello de Ourense aparece incluído.

No encontro celebrado por Ourense en Común coa veciñanza de Quintela de Canedo, no contexto da campaña “Por un PXOM en Común para Ourense” desenvolvida polo grupo nos primeiros meses do ano, varias persoas solicitantes destas axudas manifestaron que tiveran problemas de acceso ás axudas á rehabilitación por non aparecer recollida en detalle a variante do Camiño de Santiago Vía da Prata – Camiño do Sueste que discorre por esta zona.

Requirida unha explicación perante o concelleiro responsable de Urbanismo en Xunta de Área do 26 de abril de 2016 este indica que é “competencia da Xunta de Galicia delimitar o Camiño”; un argumento contraditorio co ofrecido pola administración autonómica, que remite ao propio Catálogo de Bens Culturais, Naturais e Paisaxísticos do Plan Xeral de Ordenación Municipal, deixando en mans da entidade local solicitar a súa ampliación.

Perante a evidencia dunha alternativa en uso do propio Camiño de Santiago, que diverxe mediante o desvío cara Quintela de Canedo – Costiña de Canedo, o grupo municipal Ourense en Común presenta ao pleno a inclusión desta variante do Camiño Vía da Prata-Camiño do Sueste ou Camiño Mozárabe, que discorre polos barrios de Canedo – Beiro, dentro do Programa de rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago. Programa de fomento da rexeneración e renovación urbanas.

A inclusión permitiría ás veciñas destes barrios a posibilidade de ser beneficiarias do devandito programa, que contempla axudas para obras de mantemento, a fin de adecuar os edificios á normativa vixente, obras para a mellora da eficiencia enerxética do edificio e vivenda, e obras para mellorar as condicións de accesibilidade aos edificios e os accesos ás vivendas e locais.