Gerardo Seoane expúxolle a Abel Caballero as dispoñibilidades de solo industrial e empresarial con que conta o val de Monterrei.

Verín e Vigo potenciarán alianzas loxísticas

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o de Verín, Gerardo Seoane, selaron este xoves unha alianza estratéxica entre os dous municipios para o aproveitamento de sinerxías loxísticas, ao complementar a presenza de solo industrial na comarca de Monterrei as necesidades de espazo das zonas industriais de Vigo. Así mesmo, ambos rexedores coincidiron na necesidade de ampliar os lazos entre a abondosa comunidade viguesa de orixe verinés na vila de Verín.

A reunión entre Abel Caballero e Gerardo Seoane estendeuse por espazo dunha hora no Concello de Vigo, e nela analizaron as posibilidades de desenvolvemento de sinerxías económicas entre os dous territorios, dada a ubicación de Verín na saída natural do tráfico cara a meseta e a potencia mercantil de Vigo, con abondosas necesidades de espazo. O rexedor de Vigo coincidiu nas enormes posibilidades das áreas verinesas para a loxística, pola súa inmediata ubicación respecto a Meseta, e compromeuse a explorar, cos principais operadores, as máis urxentes formas de colaboración.

Do mesmo xeito, o alcalde de Verín expúxolle as dispoñibilidades de solo industrial e empresarial con que conta o val de Monterrei, e ambos analizaron as sinerxías máis inmediatas, acordando que os respectivos equipos técnicos continúen co desenvolvemento deste compromiso.

Finalmente, o alcalde de Verín cursou unha invitación oficial para que o alcalde Vigo, en base a todos este vínculos comúns, participe no comezo do próximo Entroido, nos actos do Xoves De Comadres, representando a toda a cidade de Vigo.