O autor, José María Eguileta, explica que a obra “ofrece ao lector pinceladas arqueolóxicas da cidade e da provincia de Ourense”.

A Deputación publica unha obra divulgativa sobre arqueoloxía

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o historiador José María Eguileta Franco, presentaron este luns o  libro «Dende Auria. Reflexións sobre arqueoloxía e historia», obra do propio Eguileta que achega ao lector “pìnceladas arqueolóxicas de Ourense, de maneira didáctica, divulgativa e desenfadada”, explicou o autor, no acto de presentación que tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”. A publicación, editada pola Deputación de Ourense, é un conxunto de artigos, publicados no xornal Faro de Vigo, onde Eguileta fai un repaso pola historia da cidade e da provincia de Ourense, sobre da zona da Baixa Limia.

Manuel Baltar destacou que esta é unha obra “de lectura imprescindible”, por entender que nos permite aos ourensáns coñecer máis a fondo a nosa historia, e aos visitantes, saber da esencia do noso ser e das nosas orixes, todo elo da man dun especialista en Ourense, como é José María Eguileta”, sinalou o presidente do goberno provincial.

José Maria Eguileta explicou que a obra estrutúrase en seis capítulos: o primeiro, “Historias da cidade de Ourense”, fai un repaso pola orixe da cidade, as escavacións e os deuses da cidade. En “pinceladas da cidade”, o autor fala da historia e evolución dos cemiterios e a vida cultural de Ourense, e tamén dedica un capítulo á provincia, principalmente á comarca da Baixa Limia. Os últimos tres capítulos céntranse no método arqueolóxico, a lexislación e a antropoloxía. O autor tamén dedica un capítulo aos mestres Xocas e Cuevillas e despídese cun apartado sobre Elvira Cuevillas (“Ata sempre, Elvira”), “quen sempre tiña ganas de aprender algo todos os días”, sinala o autor.

José María Eguileta Franco é xefe do Departamento de Arqueoloxía do Concello de Ourense. Graduouse en Prehistoria e Arqueoloxía na Universidade de Santiago de Compostela e obtivo o título de doutor en 1994.  Coordinou os traballos sobre as recentes escavacións arqueolóxicas nas Burgas, é autor de varios libros e ten participado en congresos, cursos universitarios e xornadas científicas do ámbito arqueolóxico. Na actualidade está a centrar as súas investigacións na Arqueoloxía Urbana.