Os socialistas solicitan ao Goberno municipal que adopte as medidas oportunas ante a carencia e precariedade na que se atopa o persoal desta oficina.

O grupo municipal socialista vén de denunciar a precariedade na que se atopa actualmente a Oficina de Atención ao Cidadán do Concello de Ourense.  Din os socialista que desde o  inicio do mandato do PP detectaron «unha certa desidia tanto ao mantemento e mellora desta oficina», agora trasladada á casa consistorial, como á atención das demandas dos traballadores que exercen as súas funcións na mesma.

Así pois, a Oficina de Atención ao Cidadán leva dende o mes de xaneiro deste ano cun só traballador en horario de mañá e dende o mes pasado non se atende ao público dende ás 12 horas, cando a atención ao público anunciada é de 9 a 14 horas e de 16 a 20 horas, a excepción dos meses de Xullo e Agosto. Os traballadores da oficina vense privados dos seus dereitos laborais, e teñen dificultades para desfrutar do seu descanso diario, días de vacacións, asuntos propios, etc.

Asemade, o teléfono de atención ao cidadán (988392909) non responde aos cidadáns en horario de mañá, e a Oficina está a pechar moitos días pola tarde durante o último ano a causa da falta de persoal.

«O abandono ao que están sometidas estas dependencias por parte do Goberno do PP, provoca que a calidade na atención aos cidadáns diminuíra substancialmente no último ano e haxa un colapso importante na resposta ás peticións veciñais prantexadas», valoran desde o PSOE.

Por estes motivos, os socialistas solicitan á maior brevidade posible que o Alcalde e o seu equipo de goberno adopten as medidas oportunas co fin de solventar as necesidades de reorganización de persoal e reforzo que esta oficina precisa, co fin de seguir a desenvolver a importante labor que estaba a realizar e que non caia no abandono no que se atopa actualmente, xa que ofrece unha carta de servizos tremendamente importante que pode afectar ao funcionamento global das concellerías do propio Concello.